Imprimir

Avia Veira pide que se atendan as alegacións dos sindicatos ao Estatuto de Industrias Electrointensivas

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 17 de febreiro de 2020

No seu estado actual, un decreto sometido aínda a período de alegacións, o Estatuto de Industrias Electrointensivas "non permite sentar as bases dunha tarifa eléctrica estábel e predicíbel nin garante que as empresas vaian manter o emprego e as condicións laborais das traballadoras e traballadores", afirmou este luns a concelleira do BNG Avia Veira.

Durante a súa intervención na tertulia de Intercoruna, Avia Veira instou o Goberno do Estado a que teña en conta "as alegacións dos sindicatos". "O Estatuto de Industrias Electrointensivas necesariamente ten que garantir o mantemento dos postos de traballo por parte das empresas", alega a concelleira nacionalista, quen remarca que o PSOE se comprometeu co BNG, no Acordo de Investidura no Congreso, a aprobar un marco regulatorio para as industrias altamente consumidoras de enerxía que asegurase unha tarifa eléctrica xusta e blindase o emprego.

"O borrador do Estatuto non é en absoluto satisfactorio. Non resolve ben a compensación polas emisións de C02, nen libera a factura dunha parte importante dos custos alleos ao sistema", avalía Veira.

"É un problema que os baixos comerciais se convertan en vivendas"

Avia Veira tamén valorou a conversión de baixos comerciais en vivendas, após a Xunta de Goberno Local ter aprobado a semana pasada que o baixo de catro edificios se puidesen habilitar como moradas.

"O acordo de investidura que asinamos co PSOE en María Pita contempla a creación dun banco de baixos comerciais. É un problema que se convertan en vivendas. Os baixos comerciais, e sábeno ben por exemplo as veciñas e veciños da Cidade Vella, fan falta para os barrios seren dinámicos e teren servizos", di Avai Veira.

É un problema tamén para as persoas que merquen vivendas que outrora foran baixos comerciais. "Hai que as regularizar ben, pedir unha licenza para que se adapten a un uso residencial, porque do contrario o día de mañá podes ter problemas, co seguro de fogar ou con calquera cuestión relacionada coa comunidade de veciños...".

A maneira de abordar a cuestión do difícil acceso á vivenda na cidade non debe pasar por esta práctica -"sen que teñamos que chegar ao extremo de prohibila"- e si polo desenvolvemento de políticas alternativas, como a posta en marcha dun banco público de vivendas do Concello en réxime de aluguer, salientou a edil nacionalista.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/avia-veira-insta-goberno/20200217144614008491.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal