O Sr. Negreira paga 9 millóns á Cía de Tranvías mentres deixa sen executar en emprego e comercio

O Sr. Negreira paga 9 millóns á Cía de Tranvías mentres deixa sen executar en emprego e comercio

A Coruña, 9 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que mentres o Goberno do Sr. Negreira segue a ter un elevado volume de débedas e de inexecución do orzamento de 2012, cumpre coa blindaxe da Compañía de Tranvías. Segundo os datos da liquidación do orzamento de 2012, o Goberno municipal pagoulle a esta empresa un total de 9 millóns de euros, quedándolle a deber, unicamente, 827 euros. Á vista destes datos oficiais, as nacionalistas advirten de que para o Partido Popular está claro que existen acredores de primeira e de segunda, sobre todo, cando os acredores de primeira están directamente representados no propio Goberno municipal.

O Grupo Municipal do BNG insiste en reclamar, por enésima vez, a revisión da concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña) e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa (en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión). Está na man do Goberno municipal acabar co enriquecemento da empresa por conta dos cartos municipais e de acabar, tamén, co encarecemento das tarifas.

O BNG desenmascara as contas falsas da Sra. Cid, á que as nacionalistas acusan de irresponsábel

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG desmonta as contas das que presumía onte a Sra. Cid, á que as nacionalistas acusan de ser unha irresponsábel por deixar sen gastar 2,68 millóns nas áreas de desenvolvemento empresarial, fomento do emprego e comercio. E isto, nunha cidade con 24.282 persoas no desemprego.

As nacionalistas afirman que as cifras reais pouco teñen a ver co "record" do que se gababa onte a Sra. Cid, quen aseguraba que o nivel de execución rozaba o 100%. Rozaría esta cantidade, ironizan as nacionalistas, en gastos de calefacción, porque no que se refire ás partidas concretas de desenvolvemento empresarial, fomento do emprego e comercio, as porcentaxes de execución van do 40 ao 67%.

Segundo os datos da liquidación dos orzamentos de 2012, do subprograma de desenvolvemento empresarial a Sra Cid só executou o 40% do orzamento de que dispuña, porcentaxe moi afastada do 91,4% do que presumiu onte. As contas son as seguintes: o orzamento inicial era de 373.621,14 euros, cantidade á que lle aumentou, mediante modificativo, 498.510,95 euros. Así, o orzamento definitivo foi de 872.132,09 euros e deixou sen executar 526.829,82 euros; é dicir só gastou o 40% e deixou sen gastar o 60%.

Pola outra banda, do subprograma de fomento do emprego, a Sra. Cid só executou o 67,3%, porcentaxe que tamén difire do 91% que asegurou que executara no día de onte. Esta partida estaba orzada inicialmente con 2.498.148,02 e aumentoulle 1.015.123,08 en modificativos. O orzamento definitivo foi de 3.513.271,10 euros e deixou sen executar 1.148.289,36 euros; é dicir só gastou o 67,3% e deixou sen gastar o 32,7%.

Ademais, do subprograma de comercio, a Sra. Cid só executou o 57,38%, fronte ao 83% do que presumía onte. Ao orzamento inicial da partida de comercio, 2.059.904,35, aumentáralle 319.614,91 euros en modificativos, deixando un orzamento definitivo de 2.379.519,26 euros. Deixou sen executar 1.011.178,02 euros; o 42,62% da partida.

O Sr. Negreira paga 9 millóns á Cía de Tranvías mentres deixa sen executar en emprego e comercio