Queremos recuperar a bandeira azul para a praia de Oza

Queremos recuperar a bandeira azul para a praia de Oza

Co motivo da entrega esta mañá dos distintivos que outorga aos areais anualmente a Fundación Europea de Educación Ambiental, presentaremos unha iniciativa a respecto das actuacións que ten pensado desenvolver o Goberno municipal para a recuperación en vindeiros anos da bandeira azul para o areal de Oza.

Imos presentar unha iniciativa co obxecto de saber cales son as actuacións que realizará o Goberno da Marea Atlántica para tentar recuperar para o areal urbano o distintivo europeo perdido en 2014

Vista do faro de Oza desde a praia

Lembramos que este distintivo foi retirado da praia de Oza no ano 2014 debido a un descenso na calidade da súa auga, pasando naquela altura dunha clasificación de “excelente” a “boa”, segundo as medicións e parámetros esixidos polo RD 1341/2007 que determina a xestión das calidades das augas de baño.

Neste sentido, naquela altura, preguntabamos ao Goberno municipal, no mandato do Partido Popular, polas razóns desta retirada, alegándose desde o executivo de Negreira que se “investigaría para tratar de descubrir cales foron as razóns que motivaron este feito, e así poñer os medios oportunos para a súa emenda”, mais non se fixo o informe das causas que determinaron esta baixada de calidade ambiental da auga do areal de Oza. Nesas datas, e en declaracións aos medios, o alcalde Carlos Negreira responsabilizaba da retirada da bandeira azul a “casos coxunturais”.

Para nós, e despois de dous anos, cómpre pois aclarar as circunstancias polas que foi retirada a bandeira azul en 2014. “O Grupo Municipal do BNG segue a preguntarse se a retirada da bandeira azul se debeu á contaminación da ría do Burgo, onde está inserida esta praia, se ten a ver coa falta de solucións para a desembocadura do río Monelos, se pode deberse á balsa de lodos enterrada baixo o Marina Seca ou se se debe ás descargas de carbón no porto da Coruña. Neste sentido, queremos con esta iniciativa saber se o Goberno municipal ten pensado realizar algunha actuación co obxecto de tentar recuperar a bandeira azul para os vindeiros anos.”, conclúe a nosa concelleira Avia Veira.

 

Artigos relacionados:

A Coruña, 1 de xuño de 2016