O PP volve encarecer o bus: un saqueo para o pobo, un negocio para a Compañía de Tranvías

O PP volve encarecer o bus: un saqueo para o pobo, un negocio para a Compañía de Tranvías

busesA Coruña, 13 de decembro de 2013.- A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá os prezos do bus para 2014, que o PP encarece en 3 céntimos no caso do billete ordinario, ao pasar de 1,27 euros a 1,30 euros e outros 3 céntimos no caso do bonobús xeral, ao pasar de 0,82 euros a 0,85 euros. O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Partido Popular encareceu o billete do bus ordinario en 15 céntimos desde que goberna na Coruña. Ademais, desde que o Sr. Negreira é alcalde, o bonobús xeral subiu 12 céntimos e os bonobuses social (pensionistas, persoas con discapacidade, estudantado e persoas desempregadas) e o universitario subiron 7 céntimos. Para o BNG, este encarecemento supón unha estafa para a cidadanía e un negocio para a Compañía de Tranvías.

O Grupo Municipal do BNG sinala que non se poden tolerar máis subas do prezo do bus, que, antes dos aumentos aprobados hoxe polo PP, era xa un dos máis caros do Estado español, tal e como ten denunciado a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU). Co fin de rachar con este saqueo constante ao peto da veciñanza da Coruña, o BNG volve reivindicar a necesaria revisión da concesión da Compañía de Tranvías, en base ao artigo 1.7 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña, e da fórmula para o cálculo do billete, en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión.

Os 7,5 millóns recollidos nos orzamentos de 2014 para pagarlle as subvencións á Compañía de Tranvías son insuficientes

Pola outra banda, as nacionalistas chaman a atención sobre o informe do interventor xeral, que apunta que existe un maior compromiso de gasto do Concello (ao asumir a suba de 0,07 euros do billete na tarxeta social e na universitaria) en relación ao orzado nas contas de 2014 para pagarlle as subvencións á Compañía de Tranvías. Así, tal e como recolle o informe, a Intervención “reitera a necesidade de axustar a consignación orzamentaria prevista para este fin no Orzamento 2014 ás verdadeiras necesidades que poden estimarse atendendo ao histórico do que se dispoña e considerando esa nova asunción da suba do prezo do billete nas tarxetas sociais e universitarias, do cal se fai a advertencia oportuna”.

O informe de Intervención relativo aos orzamentos de 2014 xa salientaba que os 7,5 millóns de euros de transferencia á Compañía de Tranvías poderían ser insuficientes. O interventor apuntara, entón, que “non existe xustificación de que vaia ser suficiente para dar cobertura ás obrigas que se devenguen en 2014 por este concepto”.

O PP volve encarecer o bus: un saqueo para o pobo, un negocio para a Compañía de Tranvías