Jorquera exíxelle á Xunta de Galiza que garanta os postos de traballo en Cerámicas do Castro

Jorquera exíxelle á Xunta de Galiza que garanta os postos de traballo en Cerámicas do Castro

Sada, 29 de novembro de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, acompañado do portavoz do Grupo Municipal do BNG en Sada, Abel Soto, e dos concelleiros, participou na mobilización convocada polos traballadores de Cerámicas do Castro contra a intención da empresa de despedir 27 dos 84 traballadoras e traballadores da planta de Sada. Jorquera, que presentou no Parlamento de Galiza unha batería de inciativas sobre a complicada situación económica de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, esixiulle á Xunta de Galiza que “faga cantas xestións sexan necesarias para garantir o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da empresa”.

O portavoz parlamentar do BNG emprazou o Goberno galego a “facer valer as axudas públicas concedidas ao grupo Sargadelos para garantir a súa continuidade e mais o mantemento do emprego tanto na planta de Sada, como na de Cervo”, onde a empresa prevé despedir 41 dos 89 traballadores. Jorquera lembra que en 2010 a Consellaría de Economía comprometeu unha axuda de 1 millón de euros para apoiar un plan do grupo empresarial que contemplaba que non se despediría persoal, dado que cambiaba o ERE de extinción por un de redución de xornada. Criticou que “tres anos despois desta axuda pública volvemos atoparnos cun novo ERE de extinción”.

Os traballadores e traballadoras de Sargadelos fixeron un durísimo esforzo para axudar a manter o futuro da empresa

Pola outra banda, Jorquera transmitiulles aos traballadores o apoio e a solidariedade do BNG. O portavoz parlamentar salientou que foron as traballadoras e traballadores do grupo quen fixeron un durísimo esforzo para axudar a manter o futuro dunha empresa que se converteu nun patrimonio común, nun referente do imaxinario colectivo e da identidade do país.