O BNG repartirá herbas de San Xoán por un 24 de xuño festivo e de carácter popular

O BNG repartirá herbas de San Xoán por un 24 de xuño festivo e de carácter popular

A Coruña, 21 de xuño de 2013.- Por terceiro ano consecutivo, o Grupo Municipal do BNG agasallará as veciñas e veciños con feixes de herbas de San Xoán para reivindicar que o día 24 de xuño sexa unha xornada festiva a efectos laborábeis de forma permanente e para enxalzar o carácter popular desta festa, unha das máis representativas da nosa cidade. Así, as nacionalistas repartirán durante a mañá deste sábado rosa canina, fiuncho, herba luísa, malva, codeso, nogueira, romeu... no Campo da Leña.

O Grupo Municipal do BNG lembra que o día 24 foi festivo no 2012 e agora, no 2013, de xeito puntual. No 2012, o San Xoán caía en domingo e no 2013, foi elixido festivo pola Xunta de Galiza por caer o 6 de xaneiro e o 8 de decembro en domingo. Dos 14 feirados que hai ao ano, 2 son elexidos por cada concello, e dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigado e tres poden ser substituídos polas autonomías. Ademais, se algún deses festivos cae en domingo, a autonomía pode substituílo ou ben polo luns seguinte ou por outro día que elixa a propia comunidade autónoma, que foi o que aconteceu este ano co 24 de xuño.

O BNG mesmo levou ao Parlamento de Galiza varias iniciativas para estabelecer o 24 de xuño como feirado, unha proposta que sempre recibiu a negativa do Partido Popular, que deriva esta decisión aos Concellos.

Ademais do feirado, o Grupo Municipal do BNG reivindicará mañá o carácter galego e popular do San Xoán, co fin de que o Goberno municipal deixe de desnaturalizar esta festa e para que respecte as tradicións populares. O San Xoán, lembran as nacionalistas, é, sobre todo, unha festa de barrio e popular.

 

O BNG repartirá herbas de San Xoán por un 24 de xuño festivo e de carácter popular