O BNG exíxelle a Negreira que dea a cara cos terreos municipais agasallados á Federación de Fútbol

O BNG exíxelle a Negreira que dea a cara cos terreos municipais agasallados á Federación de Fútbol

A Coruña, 1 de febreiro de 2015- Despois de que o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falque, admitira estar revisando o convenio asinado mediante a entidade futbolística e o Concello da Coruña froito do cal se lle agasallaron os terreos municipais de Visma e despois de sinalar que “o lóxico sería que a sede estivese nunha zona máis próxima a todos”, o Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a explicar que ten pensado facer ao respecto.

En virtude deste convenio, que contou co rexeitamento do Bloque, o Goberno do Sr. Negreira cedeulle á Federación Galega de Fútbol unhas parcelas municipais durante 75 anos para a construción, por parte deste ente privado, da súa sede institucional e mais de dous campos de fútbol. Ademais desta cesión de balde, o convenio recolle que sexan as arcas municipais quen soporte os gastos de mantemento dos campos de fútbol, cando estes non van ser de uso exclusivo do Concello.

Pola outra banda, en novembro de 2014, o Goberno do Sr. Negreira adxudicou o acceso norte aos campos de fútbol por 645.288 euros. Este viario prestará servizo ao edificio da Federación Galega de Fútbol, pois remata, precisamente, en fronte do futuro inmoble. Dadas as reticencias do Sr. Louzán, presidente da Ferderación e compañeiro de partido do Sr. Negreira, e do seu vicepresidente, non queda claro o destino do edificio. De aí que o BNG urxa o Sr. Negreira a dar a cara para trasladarlle ao conxunto da veciñanza que é o que vai acontecer.