O BNG denuncia a falta de camisolas en galego na carreira Coruña 10

O BNG denuncia a falta de camisolas en galego na carreira Coruña 10

Imaxe dunha carreira organizada polo Concello da Coruña

A Coruña, 7 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia, máis unha vez, a discriminación á que se viron sometidas as persoas que querían a camisola conmemorativa da carreira popular Coruña10 cos lemas en galego. Ao Goberno do Sr. Negreira, organizador da proba, non lle chegou con obrigar as persoas que querían a camisola en galego a especificalo na inscrición e a se inscribiren antes do 15 de setembro –cando a inscrición da carreira popular aínda remataba o 1 de outubro-, xa que non garantiu que as persoas que se anotaron antes deste día puidesen obter a súa camisola en galego.

O Grupo Municipal do BNG faise eco do malestar de participantes da carreira que, malia se inscribiren antes do 15 de setembro, tiveron que marchar para a casa coa camisola en castelán e nos talles XS ou XL ou sen camisola. As nacionalistas tiveron coñecemento do caso de corredores e corredoras que, cando recolleron o seu dorsal o propio día da carreira, se decataron de que non dispuñan das camisolas cos lemas en galego solicitadas en tempo e forma.

O BNG presenta un rogo e unha batería de preguntas escritas co fin de que o Goberno do Sr. Negreira dea explicacións e rectifique a súa decisión de marxinar o galego

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG volve denunciar que o Goberno do Sr. Negreira incumpre, de xeito sistemático, a xa de por si escasa lexislación lingüística vixente e exíxelle, a través dun rogo, que o material deportivo empregado nas probas organizadas polo Concello sexa, por defecto, en galego.

Ademais, as nacionalistas presentaron unha batería de preguntas para a resposta escrita para saber por que motivo fixeron inscribirse as persoas que querían camisola en galego antes do 15 de setembro, por que quedaron sen camisola en galego as persoas que se inscribiron en tempo e forma, por que non estabelece a lingua galega, en tanto que é a lingua propia de Galiza (art. 5 Estatuto), como idioma en que se serigrafían as camisolas e se ten pensado rectificar a súa decisión discriminatoria coas persoas galegofalantes de cara ás vindeiras probas deportivas.

 

O BNG denuncia a falta de camisolas en galego na carreira Coruña 10