O BNG acusa o PP de subir os impostos municipais

O BNG acusa o PP de subir os impostos municipais

ConcelloA Coruña, 21 de agosto de 2014- Ante as declaracións do Goberno do Sr. Negreira en relación aos impostos municipais, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o PP nunca conxelou os impostos no que leva de mandato. No primeiro ano de goberno (ordenanzas fiscais para o ano 2012), o Sr. Negreira impuxo por vez primeira a tarifa por casamento no pazo de María Pita e o cobro por vez primeira na axuda a domicilio (copago ou repago). No segundo ano de Goberno (ordenanzas fiscais para o ano 2013), subiu exponencialmente o recibo da auga e o imposto de bens inmóbeis (IBI). E no terceiro ano (ordenanzas fiscais de 2014), estabeleceu novas tarifas a pagar por servizos polos que antes non se pagaban ou se pagaban menos do agora cobra o Goberno municipal (alén da suba en certas tarifas xa existentes).

Así, lonxe de conxelar os impostos municipais, o Partido Popular incrementou a presión fiscal nun 11,8%, encarecendo a vida dos cidadáns da Coruña. O Grupo Municipal do BNG remítese ás cifras da liquidación dos orzamentos de 2013, que amosa que o que pagou de promedio cada coruñés en impostos municipais foi de 622,76 euros, 65,64 euros máis que en 2012.