A 7 meses das eleccións, Negreira anuncia a conxelación do bus logo de 3 anos de subas continuadas

A 7 meses das eleccións, Negreira anuncia a conxelación do bus logo de 3 anos de subas continuadas

renovacion_frota_busesA Coruña, 17 de outubro de 2014- En relación ás declaracións do Sr. Negreira sobre a conxelación das tarifas do autobús urbano para 2015, o Grupo Municipal do BNG salienta a coincidencia de que este anuncio teña lugar, precisamente, a 7 meses das eleccións municipais, despois de tres anos seguidos de subas. E é que desde que o Sr. Negreira é alcalde, subiu 15 céntimos o billete ordinario; 12 céntimos o bonobús xenérico e 7 céntimos o bonobús social.

Dados os beneficios económicos que vén obtendo a Compañía de Tranvías –ascenderon a 4.846.892,73 euros en 2013 segundo as contas económico-financieras da empresa-, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a concesionaria ten marxe económica suficiente para conxelar as tarifas sen que isto lle supuña unha merma económica para os traballadores e traballadoras da Compañía de Tranvías. A solución, sinalan as nacionalistas, pasa por revisar a concesión en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión.

Na fórmula polinómica deberían computar o beneficio de explotación da empresa e as subvencións que lle dá o concello á Compañía de Tranvías

O Grupo Municipal do BNG salienta que mentres non se revise a fórmula polinómica de cálculo das tarifas, nada impide que as tarifas volvan subir logo das municipais, en 2016, incluíndo a suba que correspondería en 2015 se non se conxelasen. E isto, advirten as nacionalistas, pode facerse sen afectarlles aos empregados da concesionaria. Para isto, sería necesario que computasen na fórmula polinómica o beneficio de explotación da empresa e as subvencións que lle dá o concello á Compañía de Tranvías. Actualmente, esta fórmula contempla os seguintes factores: salarios, prezo do gasóleo e lubricantes, amortecemento activos, IPC e beneficio industrial, sen que repercuta nin o beneficio de explotación nin as subvencións que lle dá o Concello á Compañía de Tranvías.

A 7 meses das eleccións, Negreira anuncia a conxelación do bus logo de 3 anos de subas continuadas