O BNG PIDE A REVERSIÓN GRATUÍTA DOS TERRENOS AO CONCELLO

Villoslada, a Jorquera: ampliar a zona BIC das murallas restablecería a suspensión de licenzas na Maestranza

Jorquera, durante o pleno.
Jorquera, durante o pleno.
O Goberno local traballa para ampliar a protección BIC da zona das murallas da cidade, o que podería levar aparellada unha nova suspensión na concesión de licenzas nos solares da Maestranza, afirmou no pleno o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, a unha pregunta do portavoz do BNG, Francisco Jorquera.
Villoslada, a Jorquera: ampliar a zona BIC das murallas restablecería a suspensión de licenzas na Maestranza

 

Jorquera interesábase por saber que planos ten o goberno perante a inminente caducidade da suspensión de licenzas no Campo da Estrada e o concelleiro de Urbanismo explicou que aínda que esta en principio non pode ser prorrogada –o prazo caduca o día 11 deste mes- o concello si está a xestionar coa Xunta “ampliar o ámbito BIC das murallas da cidade”.

Se esa xestión fructificar, entón podería voltar a decretarse unha suspensión na concesión de licenzas.

Na súa intervención, Jorquera demandou a cesión gratuíta ao concellos dos terreos afectados por Defensa na Maestranza. “Estes terreos foron en tempos comunais. Logo ocupados polas monarquías  absolutistas para construír instalacións militares e máis tarde usufructuados polo daquela Ministerio da Guerra. Mais o concello xa demandou a súa reversión gratuíta en 1858 e, no pasado mandato, en dúas mocións aprobadas polo pleno”, relatou o portavoz nacionalista.
A Jorquera parécelle ben que o goberno municipal explore a hipótese de ampliar a zona de protección BIC, mais demandou a Villoslada “firmeza” para que non permita ningún tipo de operación especulativa.

Na súa resposta, o concelleiro afirmou que nos planos do executivo local está reducir ao máximo a edificabilidade prevista nos terreos e non permitir construír onde se acharon restos arqueolóxicos.

A resposta non satisfai o BNG, partidario da reversión gratuíta dos terreos ao concello.

PARQUE DA AGRA E CONTRADICIÓNS DO PSOE

Jorquera tamén inquiriu a Villoslada sobre o Parque da Agra do Orzán. A ese respeito, o concelleiro de Urbanismo dixo que o goberno local ten a intención de "á maior brevidade" realizar unha modificación puntual no PXOM "para os espazos libres e dotacionais seren desfrutados pola cidadanía".

Villoslada indicou tamén que o executivo coruñés negocia co goberno do Estado "cuestións relativas" á edificabilidade dos terreos do Observatorio, propiedade do Ministerio de Transición Enerxética, con vistas a "reducir máis esa edificabilidade".

Isto significa que Villoslada si contempla a hipótese de que o Estado obteña ingresos pola urbanización deses terreos sen os cales o parque da Agra non sería "un parque merecente de tal nome", afirmou Jorquera.

A posición fixada polo concelleiro no pleno, a abrir a porta a que se edifique nos terreos do Observatorio, é contraditoria co feito de o seu grupo municipal ter asinado un compromiso co BNG -o feito público este mércores- en que o PSOE se comprometía a negociar co Ministerio de Transición Enerxética a cesión ou permuta deses solares para transformar a súa edificabilidade en zonas verdes.

CARRIL BUS

Por súa parte, Avia Veira perguntou ao executivo local sobre cando e onde tiña previsto reimplantar o carril bus. A resposta, tamén ofrecida por Villoslada, é que o asunto irá á Mesa de Mobilidade "antes de que remate o ano" para se materializar "en 2020".

Villoslada non precisou en que zonas se iría reimplantar o carril bus, limitouse a dicir que nas políticas de mobilidade o obxectivo é reducir a presenza do coche particular, que actualmente ocupa por volta do 60% do espazo público.

Veira criticou o PP por ter retirado no seu día o carril bus, e por o facer "sen informes a favor de ningún tipo", e censurou a Marea Atlántica por non o ter resposto durante o seu mandato, a pesar de o ter prometido na campaña.

"O Acordo de Investidura [asinado co PSOE] é bastante claro: as medidas de mobilidade teñen que se executar na primeira parte do mandato", advertiulle Veira a Villoslada.