Toca agora demandar a devolución definitiva do Cárcere Provincial

Vista exterior do edificio do antigo cárcere provincial
Vista exterior do edificio do antigo cárcere provincial

Cremos positiva a apertura do antigo Cárcere Provincial á actividade social e cultural mais entendemos que o que cómpre agora é esixirlle ao SEIP a cesión definitiva da instalación

Reiteramos que o convenio asinado a finais de 2016 entre o Goberno municipal e Institucións Penitenciarias só permite o uso por parte do Concello da Coruña por dous anos do edificio, incluíndo unha rehabilitación que se fará a costa do peto das coruñesas e dos coruñeses

O Executivo local debe dar un paso adiante e esixir a devolución definitiva do cárcere, asemade de esixir que esta devolución sexa co edificio debidamente rehabilitado, xa que logo o SEIP é o responsábel do seu estado actual de abandono e desleixo. Só deste xeito garantiríase a continuidade do usos cívicos que se pretenden desenvolver para o futuro

Toca agora demandar a devolución definitiva do Cárcere Provincial

Vimos de facer pública esta mañá a nosa valoración positiva de que o edificio do Cárcere Provincial poida ser recuperado, aínda que sexa temporalmente, e de xeito provisional, para actividades sociais e culturais.

Deste xeito, entendemos que esta apertura é un paso máis no proceso de recuperación desta antiga instalación xa iniciado durante o Goberno bipartito, no que xa se programaran diversas actividades como a “Mostra de cinema periférico”, festival de cine alternativo en 8 milímetros, ou mesmo a homenaxe “From I to J” tributada ao escritor John Berger de Isabel Coixet, programación que se veu bruscamente interrompida durante o mandato do PP, paralizado os proxectos que se estaban realizando en 2011.

Mais tamén consideramos que esta recuperación pode resultar frustrada se non se revisa o convenio asinado polo Goberno municipal e Institucións Penitenciarias e non se esixe a devolución definitiva á administración municipal do edificio.

E é que no seu momento, a finais de 2016, fumos moi críticos coa sinatura do convenio, e recordamos que a cesión recollida no acordo tomado entre a Sociedade Estatal de Institucións Penitenciarias (SEIP) e o Executivo local establecía unha duración de dous anos, co agravante de que o Concello da Coruña debía asumir parte dos custes de rehabilitación e adecuación do edificio.

Queremos lembrar que nós sempre solicitamos que o Cárcere Provincial fora devolto ao Concello da Coruña, ao seren desafectados os usos polos cales o Estado era propietario deste edifico público. A sinatura do convenio entre o SEIP, actual propietario do cárcere, e responsábel do estado de abandono e desleixo, case de ruína, foi unha trampa porque as coruñesas e dos coruñeses imos ter que pagar unha rehabilitación cando lle correspondería facela a Institucións Penitenciarias por ter a obriga do seu mantemento e, de llo traspasar ou ceder á Coruña en bo estado.

Interior do cárcere provincial

É por isto que esiximos ao Goberno municipal, se non quere frustrar a nova etapa que se abre de recuperación e dinamización cultural e veciñal, que dea un paso adiante e comece as actuacións necesarias para que os novos proxectos que se acollan no recinto poidan ter un carácter continuado e permanente.

E lembramos que esta recuperación transitoria do edificio non pode agochar que o Cárcere Provincial vén sendo outro capítulo mais do espolio que a nosa cidade sofre por parte do Estado, sumándose aos demais agravios que ten sufrido cidade como a Maestranza, a Solana e o Hotel Finisterre, os peiraos interiores etc.

O Executivo local debe dar un paso adiante e esixir a devolución definitiva do cárcere, co edificio debidamente rehabilitado. Só deste xeito garantiríase a continuidade do usos cívicos que se pretenden desenvolver para o futuro.

A Coruña, 8 de setembro 2017.

Toca agora demandar a devolución definitiva do Cárcere Provincial