PREGUNTAS ORAIS

Os servizos sociais, o censo de locais e as emendas aos orzamentos da Xunta, as nosas preguntas orais de xaneiro

Momentos antes do comezo dun Pleno
Momentos antes do comezo dun Pleno

Preguntaremos no primeiro Pleno do ano pola descentralización nos barrios dos servizos sociais municipais

Tamén presentamos sendas preguntas orais a respecto do censo de locais de propiedade municipal que ía elaborar o Goberno da Marea Atlántica e que emendas presentou o Concello da Coruña aos orzamentos da Xunta para 2017

Os servizos sociais, o censo de locais e as emendas aos orzamentos da Xunta, as nosas preguntas orais de xaneiro

Rexistramos as que serán as súas preguntas orais para o vindeiro Pleno ordinario, xa no 2017. Así, para a sesión prevista para o 9 de xaneiro, interesámonos, na nosa primeira interpelación, sobre a descentralización os servizos sociais municipais.

Queremos lembrar que en novembro do ano 2015 presentamos un rogo oral en Pleno no se demandaba precisamente que o Goberno municipal actuara, segundo a lexislación vixente (Decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e Lei 13/2003 de Servizos Sociais de Galiza), e procedera, tal e como se recolle en ambas normativas, a garantir o dereito das persoas usuarias a “teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.

En maio de 2013, o Goberno municipal, en mans do Partido Popular executou o desmantelamento dos servizos sociais comunitarios básicos nos centros cívicos da cidade e, nunha decisión contraria ao que indican as persoas expertas e a lexislación, fixo desaparecer a persoa profesional de referencia. Isto foi unha modificación na estrutura dos Servizos Sociais Municipais que marcou un antes e un despois. Con aquela reestruturación, o Goberno do Sr. Negreira eliminou o principio de descentralización e de proximidade dos servizos sociais pois os servizos que até ese momento se prestaban nos centros cívicos foron centralizados en só tres puntos da cidade: Monte Alto, Ágora e Catro Camiños. No lugar de levar a atención cara as persoas, o Partido Popular afastou os servizos sociais de quen os precisa. Mais logo de case dous anos de mandato da Marea Atlántica a situación segue sendo a mesma, e aínda falta que o actual Goberno municipal realice algunha actuación para reverter a situación e volver a levar a atención dos Servizos Sociais Municipais desde os Centros Cívicos Municipais.

A respecto da segunda pregunta oral, interesámonos polo censo de locais municipais que o Executivo local anunciou que realizaría cando comezou o mandato.

Deste xeito, queremos saber cal vai ser a intención do Goberno da Marea Atlántica xa que logo entendemos que a estas alturas de mandato ese censo xa debe estar completado e, polo tanto, xa se poderían indicar que usos ou actuacións poderían darse para eses locais.

Sería conveniente coñecer o estado de todos eses locais, da posibilidade de ser empregados ou da necesidade de ter que realizar investimentos para a súa adecuación ou rehabilitación, e tamén sería conveniente ter coñecemento de para que poderían ser empregados aqueles que estiveran en boas condicións. Nós, no noso programa #TodasAsCoruña levabamos multitude de iniciativas, como a creación de locais xuvenís onde se realicen actividades e autoxestionados pola propia mocidade, ou o incentivar e garantir a colaboración co tecido asociativo precisamente a través do mantemento e da xestión compartida de espazos e locais públicos creando convenios para a súa cesión, ou habilitar algúns espazos como locais de ensaio municipais para bandas locais de música, por exemplo.

Por último, a terceira pregunta que trasladamos é sobre as emendas, se presentou, o Goberno municipal, ao proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para 2017.

Desde o mesmo momento que tivemos acceso aos orzamentos da Xunta de Galiza, cualificámolos como “inservíbeis” para atender as principais necesidades das coruñesas e dos coruñeses. Así o manifestamos publicamente, e entendemos que era necesario facer emendas que garantiran uns mínimos de investimentos na cidade en actuacións que, por outra parte, levamos anos demandando: a Ría do Burgo, no colexio para Novo Mesoiro, no centro de saúde para Santa Lucía ou en infraestruturas como no enlace do aeroporto coa AP-9 etc, actuacións por case 26 millóns de euros que nós consideramos como urxentes e prioritarias. Queremos saber que fixo desde o Concello da Coruña ao respecto destes orzamentos e que emendas presentou, se presentou.

A Coruña, 30 de decembro de 2016