PREGUNTAS ORAIS

As reclamacións da entidades veciñais a respecto do bus na nosa cidade, as denegacións de rendas sociais e a Casa Cornide a debate no Pleno ordinario do mes de marzo

Bus da liña 7 percorrendo a rúa de Xoán Flórez (foto: Wikipedia Commons Sicixia bus)
Bus da liña 7 percorrendo a rúa de Xoán Flórez (foto: Wikipedia Commons Sicixia bus)

Preguntaremos ao Goberno municipal se coincide na visión da Compañía de Tranvías en cualificar como non factíbeis as demandas das entidades veciñais a respecto do transporte público na cidade

Outra cuestión da que pretendemos se dea conta pública no Pleno e se o Goberno municipal considera necesario revisar e mellorar a Ordenanza que regula a Renda Social Municipal xa que logo tivemos acceso a varios casos de minoración ou mesmo denegación da renda por cuestións moi chamativas: enfermidades, falta de requerimentos de pensión de manutención, traballos por horas etc. Preocúpanos moito que a renda non estea a cumprir o fin para o que foi concibida

Tamén queremos que o Executivo explique que decisións tomou o Goberno municipal en cumprimento das mocións aprobadas o 11 de setembro de 2017 e o 3 de xaneiro de 2018 sobre o Pazo de Meirás e a Casa Cornide respectivamente

As reclamacións da entidades veciñais a respecto do bus na nosa cidade, as denegacións de rendas sociais e a Casa Cornide a debate no Pleno ordinario do mes de marzo

Presentamos as que serán as nosas preguntas para a súa resposta oral para o vindeiro Pleno ordinario que se celebrará o luns 5 de marzo.

Deste xeito, como primeira pregunta queremos trasladar a iniciativa de varias entidades veciñais que durante estas últimas semanas veñen demandando do Goberno municipal e da Compañía de Tranvías unha reordenación de liñas e de servizos, e que propoñen outro modelo de transporte público para a cidade e a Área Metropolitana.

Queremos aclarar se o Goberno da Marea coincide na visión da Compañía de Tranvías, a respecto destas demandas veciñais, que as cualificou como de «non factíbeis».

Xa que logo, a Compañía de Tranvías sinalou, en declaracións recollidas en diversos medios, que tales demandas non son «factíbles», apostando polo modelo actual que ten implantado a propia empresa, cando é máis que evidente que existe un profundo malestar social a respecto do servizo que se presta, asemade da nula capacidade que está demostrando o Goberno municipal para cambiar a situación, cómpre que o propio Executivo dean conta se coincide con esta visión. Desde o BNG entendemos como unha necesidade básica o transporte público, e terá que ser este quen se adapte ás necesidades da veciñanza, e non ao revés, como pasa na actualidade, onde o beneficio empresarial, amparado na inacción política, prima sobre aquel.

Renda Social Municipal

A segunda pregunta que trasladamos para ser respondida no Pleno é a respecto da Renda Social Municipal e da pertinencia da revisión e mellora da ordenanza que a regula.

E é que despois de que o Goberno da Marea rexeitase a nosa emenda aos orzamentos municipais na que solicitabamos igualar, canto menos ao valor de 2017, a partida destinada este ano para a renda, e de comprobar, a través de varios decretos, que se estaban a producir unha serie de minoracións e de denegacións por determinadas cuestións, cremos que é o momento de facer un análise a respecto de se se están a cumprir os obxectivos polos que se estableceu.

Segundo recolle a propia páxina web do Concello onde se informa da mesma, a «Renda Social Municipal é unha prestación económica do Concello da Coruña destinada a paliar situacións temporais de necesidade e garantir uns recursos mínimos de subsistencia aos veciños e ás veciñas da Coruña». Despois de ter acceso a varios casos de minoración ou mesmo denegación da renda por cuestións moi chamativas, enfermidades, falta de requerimentos de pensión de manutención, traballos por horas etc, preocúpanos moito que a renda non estea a cumprir o fin para o que foi concibida.

O Pazo de Meirás e a Casa Cornide

A última das cuestións que formularemos neste Pleno require do Goberno municipal que se expliquen que decisións se tomaron en cumprimento das mocións aprobadas o 11 de setembro de 2017 e o 3 de xaneiro de 2018 sobre o Pazo de Meirás e a Casa Cornide respectivamente.

Momento da toma simbólica da Casa Cornide realizada por compañeiras e compañeiros do BNG en setembro de 2017

As informacións aparecidas durante esta última semana, nas que se sinalan a intención da venda do Pazo de Meirás por parte da familia do Ditador Franco son un insulto a todas as persoas demócratas. A Deputación da Coruña xa moveu ficha e xa convocou de urxencia a Xunta ProDevolución para este día 1 onde se exporán os informes xurídico e histórico que indicarán a folla de ruta para recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás. Sen embargo, para a Casa Cornide non temos coñecemento das decisións e iniciativas que se teñen tomado por parte do Goberno da Marea e cómpre unha actuación inminente e contundente, xa que logo, e como estamos a observar, a familia do Ditador non ten outras intencións que as de seguir lucrándose a conta do espolio realizado durante a ditadura.

 

A Coruña, 23 de febreiro de 2016.