ENSINO

Queremos un ensino público, galego e de calidade: NON a LOMCE!

Pancarta na que participou o BNG durante a manifestación desta mañá contra a LOMCE
Pancarta na que participou o BNG durante a manifestación desta mañá contra a LOMCE

Participamos das mobilizacións programadas na xornada de hoxe contra a LOMCE e a implantación do decreto 3+2 na universidade

Reclamamos derrogar a LOMCE e o Decreto do plurilinguismo e adecuar as bolsas de axudas para o estudantado cunha contía suficiente que cubra as súas necesidades 

Queremos un ensino público, galego e de calidade: NON a LOMCE!

Vimos de participar esta mañá na manifestación convocada pola organización estudantil Erguer, e apoiada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, e que percorreu as rúas na nosa cidade.

A manifestación, enmarcada dentro das actividades previstas que inclúen unha folga xeral no ensino secundario e universitario no conxunto de Galiza así como diversas mobilizacións ao longo da xornada, está encadrada na vaga de actividades organizadas polos colectivos estudantís e polas distintas plataformas en defensa do ensino público e en contra da LOMCE, a implantación do decreto 3+2 na universidade, os recortes no ensino público e en demanda dunha Lei Galega de Educación.

Así queremos amosar o noso compromiso co ensino público e demandamos a derrogación da LOMCE e o Decreto do plurilinguismo. É por isto que reiteramos a nosa defensa do ensino público e das competencias galegas nesta materia, así como as bolsas de axuda ao estudo cunha contía suficiente para cubrir as necesidades do estudantado. Entendemos que é o noso deber ir da man das organizacións estudantís, como ERGUER, ou a Plataforma pola defensa do Ensino público en Galiza para calquera convocatoria que se faga neste sentido, así como animar a participar destas mobilizacións ao conxunto do pobo galego, e da Coruña, como no caso das actividades de hoxe.

Deste xeito, facemos un chamamento ás nais e pais a participar na concentración que esta mesma tarde, a partir das 19.00 h, na praza Pontevedra, ten convocada a Plataforma pola defensa do Ensino público en Galiza.

A Coruña, 16 de febreiro de 2017