PATRIMONIO

Presentamos unha iniciativa para a recuperación da mámoa do Monte de Cambás

Panorámica da zona onde se atopa a mámoa do monte de Cambás
Panorámica da zona onde se atopa a mámoa do monte de Cambás

Por medio dun rogo oral, instamos ao Goberno municipal a que se proceda á recuperación desta mámoa xa que logo patrimonio histórico e cultural de todas e todos os coruñeses

Solicitaremos no próximo Pleno unha actuación inmediata para que canto menos se sinalice a súa situación ao carón da urbanización Breogán

Presentamos unha iniciativa para a recuperación da mámoa do Monte de Cambás

Trasladaremos ao próximo Pleno unha iniciativa pola que reclamamos a recuperación da mámoa do Monte de Cambás, túmulo funerario adscrito ao período neolítico, único destas características que aínda pervive no noso municipio.

Fito ao carón da mámoa do monte de Cambás

Deste xeito, nesta iniciativa, sinalamos que, segundo a ficha do PXOM, a mámoa do Monte de Cambás é un “túmulo de pouca altura e masa tumular alterada, nos que aínda se ven restos da coiraza, presentando un furado central, cuberto de eucaliptos, estando cortado por unha pista na parte norte, destruíndo boa parte do mesmo túmulo (...)”. Asemade, na mesma ficha realízase unha descrición métrica da mámoa, que se presenta cun diámetro de 18 metros e unha altura aproximada de 60 centímetros.

A propia ficha do PXOM tamén sinala que o proceso urbanizador da zona ten modificado a contorna, xa que logo o xacemento atópase ao carón do remate da rúa Francisco Sánchez da Urbanización Breogán, e sinala que o ámbito de protección é aquel establecido pola elevación tumular máis un perímetro de 5 metros de contorna. A situación de abandono é notorio, con distintas especies vexetais invadindo a mámoa e prexudicando cada vez máis os restos, facendo que o seu deterioro poida chegar a ser irreversíbel, e con isto, a perda definitiva dun dos elementos máis antigos que pervive no noso concello.

Así, e por medio dun rogo oral, instamos ao Goberno municipal a que se proceda á recuperación desta mámoa xa que logo patrimonio histórico e cultural de todas e todos os coruñeses. Para isto solicitan unha actuación inmediata, canto menos limpado da súa contorna, coa roza integral do ámbito de protección e sinalizándoa, sinalando o seu significado, para logo realizar todas aquelas actuacións necesarias para a súa dignificación, recuperación e posterior integración no patrimonio cultural da cidade.

A Coruña, 27 de xuño de 2017