Pregunta ao Goberno Local sobre o proceso de selección da dirección da Banda Municipal de Música

A concelleira do BNG Avia Veira vaille preguntar ao Goberno Local, no pleno do próximo xoves 2X, sobre o proceso de selección da persoa que vai dirixir a Banda Municipal de Música.

 

Pregunta ao Goberno Local sobre o proceso de selección da dirección da Banda Municipal de Música

Veira denuncia que neste proceso de selección "as persoas integrantes da banda municipal non están a ser tidas en conta" e critica tamén que non se contemple unha proba práctica de dirección cos actuais componentes da agrupación. 

"En moitos procesos de selección hai probas prácticas. Non ten lóxica que neste non se vaia realizar. Antes de adxudicar a praza, o normal sería comprobar se a persoa aspirante a dirixir a banda ten capacidade para se entender ben coas músicas e os músicos da agrupación, capacidade, en definitiva, para desenvolver o seu labor de dirección", argumenta a concelleira nacionalista.

Salienta que durante a campaña das eleccións municipais "comprometémonos coas integrantes da banda municipal a defender un proceso de selección que contase con elas e incluíse unha proba práctica e iso estamos facendo". "Creo lembrar que o PSOE tamén adquiriu un compromiso na mesma liña. Agora tería que honrar ese compromiso", remarca.

"Con esta pregunta recollemos as inquietudes que teñen expresado as e os músicos da banda e agardamos que na súa resposta o Goberno Local precise ben cales son os criterios que ao seu xuízo se deben seguir á hora de cubrir a praza de direccion da Banda Municipal de Música", engade. Entre os criterios debe estar inescusabelmente, a xuízo do BNG, a demostrada capacidade de entendemento coas componentes da agrupación musical.

 

Pregunta ao Goberno Local sobre o proceso de selección da dirección da Banda Municipal de Música