O PP destina a turismo máis da metade dos cartos da Concellaría de Emprego

O PP destina a turismo máis da metade dos cartos da Concellaría de Emprego

AviaA Coruña, 14 de novembro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira denuncia que máis da metade do orzamento da Concellaría de Emprego non vai destinado a Turismo. E é que do montante global de 8.587.589,17, o Partido Popular dedícalle ao Consorcio de Turismo un total de 4.535.727,85 euros, o que demostra que o Sr. Negreira abdica das súas responsabilidades para frear o desemprego galopante que padece a Coruña. De aí que o BNG considere lamentábel que o Goberno do PP renuncie a loitar contra o paro, aínda sendo consciente de que nos últimos tres meses foron destruídos na nosa cidade perto de 8.000 postos de traballo e sabendo que no último mes máis de 300 persoas pasaron a engrosar as listas do desemprego. “O paro é o principal problema da cidadanía, mais non o é do Goberno do Sr. Negreira, que non traslada esta preocupación ás contas municipais”, engade a edila do BNG.

Avia Veira advirte de que “a pesar de que A Coruña se está a converter nunha fábrica de producir parados, os orzamentos de Emprego non recollen ningunha idea nova para reactivar a economía”. De feito, os cartos destinados a novas partidas só representan o 1,63% do orzamento desta Concellaría e son un convenio de 140.000 euros coa Universidade da Coruña e 1 mísero euro para cursos de formación para o emprego na área de comercio. Esta falta de ideas provoca que o PP recorra a aumentar partidas como “Outros traballos realizados por outras empresas” ou “Estudos e traballos técnicos”, “para que as asesorías lle digan que facer”, denuncia. De feito, a primeira ou a segunda partida en importancia en cada un dos apartados en que se artella o orzamento da área de Emprego e Empresa correspóndese con “Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais” ou con “Estudos e traballos técnicos”.

A primeira partida en importancia na área de Comercio é “Outros traballos realizados por outras empresas”, con 737.000 euros

Da área de Dinamización do comercio local, a concelleira do BNG denuncia que a primeira partida en importancia non é a do Plan de dinamización do comercio local, que recibe 700.000 euros, senón a de “Outros traballos realizados por outras empresas”, que recibe 737.000. “Isto pon en evidencia a falta de ideas do PP para reactivar o comercio, que ten que recorrer a pagarlle a empresas que lle digan que facer cun dos sectores estratéxicos da cidade da Coruña”, salienta.

Ademais, desta área, Avia Veira critica que o PP destine só 1 euro para cursos de formación, á vez que destine un total de 141.000 euros para financiar as asociacións de veciños e comerciantes, a través de convenios nominativos. “É unha irresponsabilidade que o PP renuncie a reactivar a economía e o desenvolvemento industrial do conxunto da cidadanía para poder reactivar a economía dos seus amigos a través de convenios a dedo”, advirte.

Da área de Desenvolvemento empresarial salienta a suba espectacular, dun 92%, dos convenios nominativos, unha partida que pasou de 9.000 euros nos orzamentos de 2013 a 120.000 euros nos orzamentos de 2014; é dicir, 111.000 euros máis para axudas de amigos do PP. Así, a concelleira do BNG critica que o PP priorice dedicar 120.000 euros a convenios nominativos á Asociación de Comerciantes y Emprendedores de Galicia para o evento “Incoruña” ou a Séniors españoles en detrimento dos cursos de formación para o emprego, que neste apartado leva só 15.000 euros.

Tamén destaca desta área o apartado de “Estudos e traballos técnicos”, para os que o PP destina 150.000 euros. Esta partida experimentou unha suba importante, dun 77%, ao pasar de 30.000 euros nos orzamentos de 2013 a 150.000 euros nos orzamentos de 2014.

Por último, do apartado de Fomento do emprego, critica que a segunda partida en importancia sexa, de novo, “Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais”, con 116.000 euros.

O PP volve destinar os 250.000 para as obras do mercado de Santo Agostiño despois de renunciar a facer estas actuacións no 2013

Outra das cuestións que máis chaman a atención dos orzamentos da Concellaría de Emprego son os 250.000 euros que volven destinarse ás obras de reposición do mercado de Santo Agostiño, unha partida que xa recollían os orzamentos de 2013 e que o PP suprimiu no modificativo de crédito aprobado no mes de xullo. “Esperemos que desta vez, o Sr. Negreira actúe con responsabilidade e acometa as obras tan necesarias no mercado de Santo Agostiño”, conclúe a concelleira do BNG.