"A posta en marcha do Plan de Limpeza está a ser enormemente lenta"

Jorquera, nos estudos de Intercoruna
Jorquera, nos estudos de Intercoruna

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, mostra a súa preocupación pola lentitude na posta en marcha do Plan de Choque de Limpeza, anunciado como unha prioridade polo PSOE durante a campaña.

"A posta en marcha do Plan de Limpeza está a ser enormemente lenta"

"Pode acabar producíndose o que algún medio xa ten cualificado como unha treboada perfecta", dixo Jorquera este luns nunha tertulia en Intercoruna, en alusión a que están neste momento caducados os contratos de limpeza viaria -sen que se elaborase aínda o prego para licitar o novo concurso- e de recollida de lixo e a piques de se extinguir tamén a concesión da planta de tratamento de residuos de Nostián.

"Están pois en precario tres servizos básicos para a cidade que teñen que ver co lixo e co seu tratamento", remarcou o portavoz nacionalista, quen salientou que "os traballadores tanto do servizo de limpeza como de recollida teñen denunciado que o feito de estaren caducados os contratos provoca que estean a traballar cun cadro de persoal con insuficiencia de efectivos e con maquinaria obsoleta", o que leva aparellado un deterioro na calidade do servizo.

"É de extraordinaria urxencia que se poña en marcha canto antes o Plano de Choque de Limpeza se non queremos que cando se dea activado o plan tamén fique caduco porque esteamos a enfrontar un problema de maiores dimensións", concluíu.