PARTICIPACIÓN

A nosa posición a respecto da recuperación para usos sociais das instalacións de Comandancia

Interior da parcela de Comandancia cedida baixo custodia ao Concello da Coruña
Interior da parcela de Comandancia cedida baixo custodia ao Concello da Coruña
A nosa posición a respecto da recuperación para usos sociais das instalacións de Comandancia

Para o BNG cando se especula con bens e terreos públicos, e mesmo se deixan deteriorar como é o caso, resulta comprensíbel que sexa a propia cidadanía quen queira recuperalos e empregalos para usos sociais e veciñais.

Era de esperar, e até certo punto lóxico, dada a pésima actuación que se leva realizando polo Ministerio de Defensa e polo Concello no que ten que ver coa administración, uso e goce destes bens públicos.

Entendemos, ademais, que a veciñanza toma a iniciativa por diante da actuación das administracións, xa que logo, por un lado, non podemos esquecer que o edificio da Comandancia, a parte dun deterioro e degradación evidente, forma parte do conxunto de terreos da Maestranza, que foron e son obxecto de especulación en prexuízo dos seus donos reais, as cidadás e cidadáns da Coruña.

Ademais, e por outro lado, o obxecto para o que as persoas están tentando recuperar estes espazos non será outro que o de realizar actividades e organizar un labor social, o que é síntoma inequívoco de que isto mesmo non se está facendo por esas mesmas administracións e amosa a falta deste tipo de lugares abertos a políticas culturais e paticipativas no Concello da Coruña.

E por iso que o Bloque pensa que é compresíbel que unha cidadanía dinámica, activa e participativa asuma a súa responsabilidade e queira recuperar espazos sociais e de encontro, dándolle uso público e aberto, en beneficio do conxunto da veciñanza e dinamizando culturalmente bens públicos cando non se garante por parte das administracións e institucións, ou mesmo se especula e se deixan deteriorar, como é neste caso.