MOCIDADE

Políticas para a mocidade sen funcionariado técnico da área e para menos de 6 meses... non é o camiño

Vimos de criticar que o Goberno do Sr. Ferreiro saque a concurso o servizo de apoio á coordinación de proxectos, actividades e iniciativas destinadas para a mocidade por valor de 10.000 euros e só ate final de ano

Entendemos que para o deseño e continuidade das políticas de mocidade o Goberno local debía proceder a contratar persoal funcionario técnico

Para nós o Executivo actual segue sen concibir as políticas de mocidade como ámbito de acción prioritario (das políticas sociais, de educación, emprego etc) mantendo a concellaría infradotada e con niveis de recursos mínimos neste caso concreto precarizando labores que debían ser estábeis

Políticas para a mocidade sen funcionariado técnico da área e para menos de 6 meses... non é o camiño

Consideramos inxustificado e inadmisíbel a convocatoria realizada pola área de Participación (podes vela premendo aquí) para a selección dunha “persoa física ou xurídica” para desenvolver o servizos de apoio á coordinación de proxectos, actividades e iniciativas destinadas para a mocidade.

E polo tanto somos moi críticos con que o Executivo saque a concurso o servizo de apoio á coordinación de proxectos, actividades e iniciativas destinadas para a mocidade por valor de 10.000 euros e só até final de ano.

No BNG pensamos que o realmente substancial e no que se basea a singularidade e esencia das políticas para a mocidade é a súa proximidade, o coñecemento profundo das actividades e sinerxías das mozas e dos mozos, o estar ao seu carón con capacidade de interlocución e o traballo de promoción xuvenil. E isto non se pode facer con este tipo de propostas e contratacións.

Neste sentido, entendemos que para o deseño e continuidade das políticas de mocidade o Goberno local debía proceder a contratar funcionariado técnico, que desenvolvera o seu traballo de xeito continuado e a medio e longo prazo, polo que é, canto menos, moi desafortunada esta convocatoria para unha contratación externa, temporal e sen especificar a titulación necesaria.

Asemade, lembramos que na actualidade a lexislación permite o contrato de persoal funcionario en base ao desenvolvemento dun programa ou por sobrecarga de tarefas do servizo, polo que máis, se cabe, esta convocatoria amosa a preferencia que ten o Goberno local para coa externalización de servizos pola contra de proceder a contratar un técnico, no caso que nos ocupa, de mocidade, e que  desenvolva políticas concretas para a xuventude.

O servizo de mocidade segue sen persoa técnica encargada da xestión e da planificación polo que entendemos que o Executivo actual segue sen concibir as políticas de mocidade como ámbito de acción prioritario (das políticas sociais, de educación, emprego etc) mantendo a concellaría infradotada e con niveis de recursos mínimos neste caso concreto precarizando labores que debían ser estábeis.

A Coruña, 9 de xuño de 2017.