O Pleno aproba por unanimidade as tres mocións do BNG na primeira sesión ordinaria do mandato

Veira e Jorquera
Veira e Jorquera
Contra a deslocalización de R, a prol da restitución ao público da Casa Cornide e para a cesión ao concello das 4 vivendas da Torre dos Mariñeiros propiedade da Tesourería da Seguridade Social.
O Pleno aproba por unanimidade as tres mocións do BNG na primeira sesión ordinaria do mandato

A primeira das mocións, en orde da súa defensa perante o pleno, instaba o goberno local a se posicionar contra a deslocalización das empresas auxiliares de R, ben como a apoiar que se garantise o servizo ao público en lingua galega.

Foi o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, o encargado de defender esta proposta. Fíxoo perante a presenza na tribuna do salón de plenos de representantes do cadro de persoal das empresas afectadas polos planos de deslocalización da operadora do cabo. A eles dedicou as súas primeiras palabras, como tamén a explicar por que non foi posíbel a intención das e dos traballadores de a moción ser tramitada como unha iniciativa conxunta de todas as forzas políticas. Non puido ser porque “algún grupo”, dixo, quixo emendala para que ficase claro que a atención ao público tamén debe ser en castelán. “Non é a atención ao público en castelán o que está en perigo. É a atención ao público en galego o que está en perigo”, esclareceu Jorquera. O grupo emendante era Ciudadanos, como ficou claro pola intervención da súa portavoz no pleno.

“Están en xogo moitos postos de traballo. Á perda de 18 empregos en Comfica e ao anuncio de que Indra reducirá persoal nos servizos que presta para R, pode sumarse tamén a perda de emprego noutros servizos”, alertou Jorquera, quen subliñou que o proceso de concentración do capital non afecta todos os países por igual. A Coruña sábeo ben após a desaparición de compañías tan emblemáticas como Fenosa ou o desmantelamento “das nosas entidades financeiras”, exemplificou.

“Pedimos o apoio [para a moción] porque A Coruña non pode renunciar á súa vocación de motor económico da Galiza e por iso non podemos permanecer indiferentes á perda de empresas e postos de traballo e á deslocalización de servizos”, concluíu Jorquera antes de a iniciativa ser submetida a votación.

 

Restitución ao público da Casa Cornide

 

A segunda das mocións, tamén defendida por Jorquera, pretendía dúas cousas. A primeira, que o concello interpuxese unha demanda xudicial para reclamar a restitución “ao concello da Coruña” da titularidade da Casa Cornide. A segunda, instar o goberno coruñés a que a administración local comparecese como “parte interesada” na demanda formulada pola Avogacía do Estado “para recuperar o Pazo de Meirás”.

A esta moción foron apresentadas dúas emendas. Unha por parte do PP, outra por parte da Marea Atlántica. O BNG aceptou esta última, dirixida a facer partícipe das xestións para a restitución da Casa Cornide ao Consello da Memoria Democrática. En troca, rexeitou o texto do PP por considerar que desnaturalizaba o sentido da iniciativa.
Con efecto, o PP defendía na súa emenda que non se destinase un euro do erario coruñés á restitución da Casa Cornide (que é tanto como defender que o concello non interpuxese ningunha demanda). 

A emenda do PP foi rexeitada (de acordo co regulamento do concello, as propostas alternativas son votadas individualizadamente se o grupo proponente non as acepta) ao ser votada en contra por BNG, PSdeG, Marea Atlántica e Ciudadanos. Mais a seguir, e de forma sorpresiva, o PP votou tamén a favor da iniciativa do Bloque, que deste xeito obtiña o plácet do salón de plenos por unanimidade.

 

Cesión das vivendas da Torre dos Mariñeiros

 

A terceira das mocións do Bloque que conseguiu o apoio unánime dos grupos con presenza en María Pita instaba o goberno municipal a negociar coa Tesourería Xeral da Seguridade Social a cesión de balde ao concello das catro vivendas baleiras da Torre dos Mariñeiros, que o ente estatal pretende vender en poxa pública, para estas se incorporaren ao parque municipal de moradas para o seu aluguer.

A pertinencia da iniciativa ilustrouna Avia Veira co contraste de dous datos: mentres A Coruña “atura unha media mensual de 50 procesos de desafiuzamentos, a Administración local dispón tan só de 409 vivendas destinadas a aluguer social segundo datos da memoria de xestión de 2017”.

“Estamos a falar de 410 vivendas dun censo total de 135.450 construídas na cidade da Coruña, segundo datos do INE. Tan só 0,3 por cento”, alegou.