O PEPRI só persegue reordenar viarios e aparcadoiros para incrementar os beneficio das empresas

O PEPRI só persegue reordenar viarios e aparcadoiros para incrementar os beneficio das empresas

A Coruña, 12 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG considera que a única finalidade do PEPRI, aprobado inicialmente o luns polo Goberno Local, é a reordenación viaria e de aparcadoiros para beneficio económico das concesionarias privadas de aparcadoiros, dado que a maioría das actuacións de reurbanización contempladas no PEPRI se destinan para o sistema viario. E, pola contra, son realmente mínimas as actuacións en materia de equipamentos e espazos libres públicos.

Mentres que as actuacións en materia de equipamentos e espazos libres públicos son realmente escasas, prevese un incremento do dotacional privado, como é o caso da Grande Obra de Atocha e as Escolas Populares.

As determinacións en materia de mobilidade e accesibilidade do PEPRI non son vencellantes ao remitírense intencionadamente ao PMUS

O PEPRI aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local o pasado luns non define a peonalización da Cidade Vella, que é un tema esencial na reordenación do tráfico. Malia afirmarse na Memoria do PEPRI que se aposta pola peanolización, introdúcese unha matización moi importante, relativa a que "Las consideraciones de movilidad y tráfico de la RyA PEPRI tienen sólo carácter indicativo como propuesta a ser discutida en el ámbito del PMUS, con lo que no es vinculante". Deste modo, o Goberno municipal aproba inicialmente e tramita un PEPRI con determinacións en materia de mobilidade e accesibilidade que non son vencellantes, dado que quedan condicionadas ao que estabeleza o PMUS, que é un documento moi diferente ao PEPRI.

O PEPRI recoñece que unha das problemáticas existentes na zona vella é a ocupación masiva do espazo público polo aparcadoiro, polo que a "proposta do Plan Especial baséase na aposta clara pola peonalización do espazo viario intramuros, entendendo que dita actuación, tendente á liberación do tráfico e do aparcamento de vehículos resulta non só coherente coas esixencias de recuperación e posta en valor do espazo público da Cidade histórica, senón que é necesaria para abordar a necesaria recuperación social e económica do barrio" (páxina 39). Para tales efectos, esta proposta preténdese materializar a través da ampliación da ORA á zona vella, na supresión de aparcadoiros en superficie, no estabelecemento de límites e restricións de accesos e circulación e na aposta polo aparcadoiro en subsolo de xestión privada.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que ao se trataren de medidas claramente impopulares, a xogada do Goberno do Sr. Negreira é ocultar tales medidas e remitir as cuestións de mobilidade do PEPRI ao PMUS. Unha remisión que lles chama a atención aos nacionalistas, tendo en conta que o PMUS só constitúe formalmente un plan de mobilidade, mais nunca un plan especial para reforma interior e protección dun concreto entorno protexido. En consecuencia, o conxunto de propostas e actuacións reurbanizadoras en materia de mobilidade e accesibilidade do PEPRI non é vencellante e non pode ordenar nada ao respecto, na medida en que están condicionadas ao que poida dispoñer o PMUS, que, como se sabe, non existe na actualidade.

A maioría das actuacións reurbanizadoras previstas no PEPRI van dirixidas esencialmente ao sistema viario, sendo mínimas, pola contra, as actuacións en materia de equipamentos e espazos libres públicos, a diferencia do dotacional privado, que se incrementa

Contrariamente aos obxectivos básicos de ordenación que figuran no PREPI (relativos a que a salvagarda do patrimonio arquitectónico e cultural, A recuperación do uso residencial e a actividade económica, A mellora das condicións de vida, evitando o deterioro da zona, A integración da zona no contexto funcional da cidade), o certo é que, na realidade, o PREPI só quere unha reordenación xeral do sistema viario e de aparcadoiro, resultando esencialmente beneficiadas con esta decisión do Goberno municipal as concesionarias de aparcadoiros de pago, tales como as da ORA e dos aparcadoiros soterrados. Mais igualmente o propio Concello, que incrementa deste xeito os seus ingresos por conta dunha maior recadación de tributos.

Pola contra, as actuacións en materia de equipamentos e espazos libres públicos son realmente escasas, ambiguas e condicionadas en moitos casos ao que determinen outros plans (Porto) ou ao que se poida acordar con outras Administracións (por exemplo, no entorno do Hospital Abente). A pesar de que na Memoria se diga expresamente que "a recuperación do uso residencial directamente apoiado coas medidas antes mencionadas, necesita como condición imprescindible a creación dun nivel de dotacións de equipamento social adecuado ás esixencias deste tempo" e que "a dotación e recualificación dos equipamentos sociais e dos sistemas de espazos libres ven a ser a condición para a consolidación dun hábitat residencial estable, social e demograficamente recuperado", resulta que da lectura conxunta de toda documentación do PEPRI evidénciase que, pola contra, a maioría do conxunto de intervencións reurbanizadoras proxectadas están dirixidas ao sistema viario e non a equipamentos e espazos libres públicos, que son mínimas a pesar de ser moi necesarias.

E mentres as actuacións en equipamentos e espazos libres públicos son verdadeiramente escasas, resulta que no PEPRI prevese un incremento do dotacional privado, como é o caso da Grande Obra e das Escolas Populares. No caso do Colexio da Grande Obra de Atochas, contémplase a súa ampliación (concretamentem +700 m2), facilitándolle ademais a posibilidade de reordenar os volumes existentes (respectando os volumes existentes) en B+3 (art. 10). E no caso das Escolas Populares, tamén se contempla a súa ampliación (+ 25%), ademais da posibilidade de reordenar os volumes existentes (respectando os volumes existentes) en B+4 (art. 10)

O PEPRI só persegue reordenar viarios e aparcadoiros para incrementar os beneficio das empresas