APOIO UNÁNIME A UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS

O Parlamento pídelle ao Goberno Galego que acelere a declaración como BIC da Casa Cornide

A Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego aprobou este martes por unanimidade unha proposición non de lei da autoría da nosa deputada Mercedes Queixas en que se insta a Xunta de Galiza a acelerar a declaración como BIC da Casa Cornide.
O Parlamento pídelle ao Goberno Galego que acelere a declaración como BIC da Casa Cornide

A necesidade de outorgar tal grao de protección a esta xoia do barroco coruñés, e de o facer o máis axiña posíbel, decorría do feito de a familia Franco ter posto en venda este inmóbel. De facto, o diario La Opinión informaba hoxe de que o prezo de saída está marcado en 3,5 millóns de euros.

"Ese é o prezo. Mais para nós a dignidade non ten prezo", subliñou Mercedes Queixas durante a súa intervención na Comisión.

A iniciativa do BNG perseguía, aliás, outro obxectivo: que se faga un inventario dos fondos documentais e obxectos de valor histórico-artístico, contidos na Casa Cornide, para previr hipotéticas "mudanzas" e tráfego de bens en camións tal e como aconteceu no Pazo de Meirás.

Na súa réplica, o portavoz do PP fixo fincapé en que a devolución dos bens roubados polo franquismo demostraría que a xustiza é igual para todos. "Igual para todos, menos para a Familia Real", ironizou ao respecto Mercedes Queixas, non sen deixar de agradecer o apoio do Partido Popular a esta iniciativa.

A xustiza é igual para todos, din desde as bancadas do PP. "Para todos, menos para a Familia Real", retruca Queixas

No entanto, a parlamentar nacionalista non perdeu a oportunidade de lembrar que en outubro de 2018 o PP votou contra unha proposición non de lei do BNG que procuraba expresar a solidariedade da Cámara coas 19 activistas de Meirás, protagonistas dunha acción simbólica a prol da restitución ao patrimonio público dos bens usurpados pola ditadura.

"Con este apoio unánime do Parlamento galego", recapitulou Queixas, "o capital democrático medra e ese é o camiño para fechar a porta ao espolio fascista", subliñou. E, para pór o ramo á súa intervención, a deputada nacionalista resgatou unhas palabras pronunciadas por Manuel Rivas durante a II Marcha Cívica pola Devolución da Casa Cornide: "É preciso romper coa corrupción. É preciso practicar a corruptura".

O Parlamento pídelle ao Goberno Galego que acelere a declaración como BIC da Casa Cornide