O PECHE DE SAN CIBRAO AUMENTARÍA A INCERTEZA SOBRE O FUTURO DA PLANTA CORUÑESA DE ALU IBÉRICA

Unha moción a favor da nacionalización de Alcoa, a Tarifa Eléctrica Galega e o Estatuto do Consumidor Electrointensivo

Foto: La Opinión
Foto: La Opinión

Alcoa debe ser nacionalizada para evitar o peche da súa planta en San Cibrao -xeradora do 30 por cento do produto interior bruto da provincia de Lugo-, o Goberno español debe activar dunha vez o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para garantir o futuro da factoría coruñesa de Alu Ibérica e o Estado debe posibilitar que se estabeleza unha Tarifa Eléctrica Galega para que o noso país se resarza dos custos ambientais derivados da produción de enerxía, de xeito que se favoreza a viabilidade da industria asentada na Galiza.

Unha moción a favor da nacionalización de Alcoa, a Tarifa Eléctrica Galega e o Estatuto do Consumidor Electrointensivo

Este é o miolo da moción que o portavoz do BNG en María Pita, Franciso Jorquera, vai defender no Pleno do vindeiro xoves 2 de xullo. 

No texto da iniciativa, Jorquera alerta da delicada situación pola que atravesa a planta de Alcoa en San Cibrán, coa empresa a ameazar co despedimento de máis de 500 traballadoras e traballadores. "Toda a comarca da Mariña está a se mobilizar nos últimos días para evitar o posíbel peche da planta de aluminio en San Cibrao, o que suporía a perda duns 800 postos de traballo entre empregos directos e das empresas auxiliares", afirma o portavoz nacionalista.

O problema ten a ver basicamente cos"altos custos da enerxía eléctrica", o mesmo que pon en serio risco o futuro da planta de Alu Ibérica na Coruña, con 400 postos de traballo en xogo. Estarían identicamente afectadas "outras industrias radicadas na nosa área como Celsa Atlántic na Laracha e a planta de Ferroatlántica de Sabón".

O peche de Alcoa en San Cibrao colocaría o sector do aluminio nunha situación límite, o que, argúe Jorquera, aumentaría aínda máis a incerteza sobre o futuro de Alu Ibérica na Coruña, "por moito que xa non estea en mans de Alcoa".

Cómpre por tanto dar respostas a esta situación e cómpre que sexan canto antes. As solucións son a intervención pública de Alcoa San Cibrao -a nacionalización só precisa de vontade política, nada hai que a impida nin no marco normativo galego nin no estatal nin no comunitario-, a introdución dunha Tarifa Eléctrica Galega que abarate o prezo da enerxía e a posta en marcha do Estatuto de Consumidor Electrointensivo que abarate tamén os custos.

Coa moción o BNG pretende o apoio do resto dos grupos municipais para a Corporación se dirixa á Xunta de Galiza de modo que esta demande do Goberno central a adopción desas medidas que garantan a supervivencia dun sector estratéxico para unha economía galega que infelizmente está a sufrir un acelerado proceso de desindustrialización.

Unha moción a favor da nacionalización de Alcoa, a Tarifa Eléctrica Galega e o Estatuto do Consumidor Electrointensivo