O mal estado da escalinata da rúa Pintor Vilar Chao, produto da falta de mantemento

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local en relación ao “estado de deterioración” en que se acha a escalinata da rúa Pintor Vilar Chao, froito da falta do mantemento necesario deste elemento arquitectónico.
O mal estado da escalinata da rúa Pintor Vilar Chao, produto da falta de mantemento

“Alí medran herbas no medio dos chanzos, as varandas están rotas, a árbore non se poda e os arbustos que inicialmente a acompañaban desapareceron e nunca se repuxeron”, relata o voceiro nacionalista.

20200814_125513A rúa é pola súa configuración unha barreira arquitectónica. A solución que se adoptou no seu día non está a funcionar e a día de hoxe “supón un auténtico cárcere para as veciñas e veciños cuxo portal dá á escalinata, xa que se nalgún momento tivesen problemas de mobilidade ou se visen impedidas por calquera motivo non poderían saír das súas casas”, remarca Jorquera. “Tal é así que unha veciña tivo que abandonar recentemente a súa casa por este motivo”, acrecenta.

IMG_20200814_123040No seu día os servizos municipais barallaron o proxecto de instalar na rúa un ascensor que alén de resolver este problema de mobilidade permitiría conectar a avenida de Oza coas rúas Juan Montes e da Merced.

Algunhas veciñas defenden por súa parte a colocación dunha rampla “que comezase na propia rúa Juan Montes, mesmo tomando se fose preciso espazo á calzada, e logo descendese por tramos até a rúa Pintor Vilar Chao”.

Estas cuestións trasládallas Jorquera ao Goberno Local en forma de pregunta. Inquírelle ao executivo coruñés en primeiro termo se é coñecedor do estado de deterioración en que se atopa a escalinata e, en caso afirmativo, que medidas ten pensado tomar para reparar uns danos que son produto da falta de mantemento.

20200814_125524Alén diso, Jorquera quer saber se o Goberno manexa as opcións de instalar ou un ascensor ou unha rampla para resolver este problema de mobilidade.

 

O mal estado da escalinata da rúa Pintor Vilar Chao, produto da falta de mantemento