Máis de 48h á espera dunha cama no CHUAC

Máis de 48h á espera dunha cama no CHUAC

A Coruña, 1 decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de ter coñecemento da situación caótica que se viviu esta fin de semana no CHUAC, onde, a partir do venres, conseguir unha cama para un doente era toda unha odisea. O venres ás 15h había decenas de persoas enfermas en Observación esperando a que se lles asignase unha cama.

Non foi até o domingo, cando xa non había dispoñibilidade de padiolas e cando había doentes que levaban 48h agardando por unha cama, cando a Consellaría de Sanidade decide abrir a planta cuarta do Abente y Lago, que tiña as 25 camas pechadas. O Grupo Municipal do BNG acusa o PP de irresponsábel e inhumano por ter doentes repartidos en diferentes padiolas cando a planta cuarta do Abente y Lago conta con 25 camas que, habitualmente, están pechadas. As nacionalistas critican que o Sergas non decidira abrir esta planta, que mantén inutilizada, até o día de onte, cando a situación xa era límite.

O Grupo Municipal do BNG advirte que o caos e a nefasta xestión sanitaria da Xunta de Galiza é consecuencia da vaga de recortes do PP e do desmantelamento da sanidade pública.