REXISTRO MUNICIPAL

Levaremos a Pleno o colapso do Rexistro municipal de María Pita

Espazos do Rexistro municipal situado no Palacio municipal de María Pita
Espazos do Rexistro municipal situado no Palacio municipal de María Pita

Hoxe existe unha situación caótica nas oficinas municipais, denunciada xa pola CIG a semana pasada, despois do peche dos servizos do censo do Fórum Metropolitano

Tanto as persoas traballadoras, que teñen que realizar o seu traballo en condicións precarias, así como as persoas usuarias do servizo, que agardan pacientemente mesmo durante horas a ser atendidas, non teñen a culpa da nefasta xestión que o Goberno municipal está facendo dos servizos municipais

Levaremos a Pleno o colapso do Rexistro municipal de María Pita

Presentaremos unha iniciativa no vindeiro Pleno ordinario diante do colapso continuado das últimas semanas do rexistro municipal de María Pita.

E é que nestes últimos días estase a producir unha situación caótica nas dependencias municipais do propio edificio do Concello, que xa foi denunciada pola CIG na semana pasada, agudizada desde o peche dos servizos do Padrón que se viñan realizando no Forum Metropolitano, e que foi trasladado sen explicación ningunha nas pasadas semanas.

Calquera que pase polas dependencias municipais do Rexistro pode comprobar como estas queixas teñen fundamento e como a situación é insostíbel. Lembramos que nestes espazos de María Pita está o Rexistro municipal, expídese e aténdense incidencias da tarxeta Millenium, o Padrón de habitantes, agora sen alternativas descentralizadas, as tramitacións de vodas e outros varios procedementos administrativos  o que dá lugar a que moita veciñanza acuda a estes espazos que se amosan moi reducidos.

Deste xeito, avanzamos que queremos pedir explicacións ao Executivo de por que mantén esta situación de precariedade que afecta tanto a traballadores municipais como ás cidadás e cidadáns que acoden a este servizo.

Tanto as persoas traballadoras, que teñen que realizar o seu traballo en situación de amoreamento, así como as persoas usuarias do servizo, que agardan pacientemente mesmo durante horas a ser atendidas, non teñen a culpa da nefasta xestión que o Goberno municipal está facendo dos servizos municipais. Entendemos que este colapso ten fácil solución e que só a indiferenza do Goberno municipal no que ten que a ver aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores municipais e para coa atención ao público e veciñanza é o motivo da situación”, conclúe Avia Veira.

A Coruña, 19 de setembro de 2017.