BARRIOS

Levamos ao Parlamento as deficiencias de servizos en sanidade e educación en Novo Mesoiro e Feáns

Un dos momentos da rolda de prensa onde presentamos as nosas iniciativas para Novo Mesoiro e Feáns
Un dos momentos da rolda de prensa onde presentamos as nosas iniciativas para Novo Mesoiro e Feáns

Demandamos un centro educativo integrado, mellorar a atención sanitaria habilitando a planta sen uso do actual centro, máis persoal e ampliando horario

“A Xunta ten que implicarse en mellorar as dotacións de servizos básicos nun dos barrios de maior puxanza demográfica da Coruña”, alega o noso deputado Xosé Luís Rivas Mini

Levamos ao Parlamento as deficiencias de servizos en sanidade e educación en Novo Mesoiro e Feáns

O noso deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas Mini ven de levar ao Parlamento as deficiencias en servizos básicos como educación e sanidade que ten o barrio de Novo Mesoiro, un dos de maior vitalidade demográfica da cidade e de Galiza, no que residen arredor de 9.000 persoas xunto co barrio de Feáns.

En concreto, presentamos unha batería de iniciativas (podes velas premendo aquí) con tres propostas concretas tras visitar o barrio e falar cos representantes da veciñanza: construír un centro público integrado con educación infantil, primaria e secundaria e dotar de persoal necesario o actual centro de saúde para dar asistencia sanitaria aos residentes e ampliación do horario de atención tamén pola tarde. Unha terceira iniciativa está relacionada co TECOR que limita co barrio e ten por obxectivo afastar esta área de caza da zona urbana de Novo Mesoiro e Feáns e evitar así calquera situación de perigo.

Mini Rivas e Avia Veira na reunión coas directivas das asociacións veciñais de Novo Mesoiro e Feans

Así Rivas, na rolda de prensa que realizamos esta mañá, explicaba que nas iniciativas se insta á Xunta a implicarse xa que son cuestións de competencia autonómica xa que logo parécenos inaudito que non se teñan atendido xa as demandas da veciñanza cando se trata de servizos tan básicos e están máis que xustificados.

No que se refire ao centro educativo, estamos nun barrio cunha porcentaxe de nenos e nenas e idade escolar obrigatoria superior ao 23%, 1.500 rapaces e rapazas que non poden ser escolarizados no seu propio barrio por falta de equipamentos necesarios, e que teñen que ir a centros repartidos por toda a cidade da Coruña, no mellor dos casos a 4km de distancia do seu domicilio. Esta situación provoca un problema de mobilidade e de conciliación ás familias, ademais de impedir que a xente moza en idade escolar socialice no seu propio barrio, precisamente nun momento das súas vidas no que se forxan as primeiras relacións”, alegou.

En relación ás dotacións sanitarias, as carencias son similares para atender Novo Mesoiro, Feáns e área de influencia, -unha poboación de 12.000 persoas-, o servizo actual é totalmente insuficiente e como consecuencia moitos veciños e veciñas teñen que solicitar atención sanitaria noutros centros da cidade,  e a pesar de ter un dos índices de natalidade máis altos de toda Galiza o cupo de pediatría está pechado desde decembro de 2015, obrigando aos pais e nais dos nacidos desde esa data a solicitar pediatra noutro centro da cidade.

Momento da quenda de preguntas durante a rolda de prensa

Así imos pedir no Parlamento que a Xunta dote ao centro de saúde de Novo Mesoiro do persoal sanitario necesario, a creación inmediata dunha nova praza de pediatría e unha praza de matrona, así como poñer a funcionar a planta agora baleira, -“un despropósito”, alegou Rivas-, e a apertura do centro de saúde de Novo Mesoiro en horario de tarde.

En relación ao TECOR, o barrio limita cun terreo cinexeticamente ordenado que provoca situacións de risco en cada temporada de caza, polo recollemos a petición maioritaria para modificar o seu perímetro e afastalo da zona habitada. “Arbitrar as medidas oportunas para afastar os seus límites da área urbana do barrio, facendo compatible a súa existencia co goce dese espazo público para usos de lecer por parte da veciñanza e que se poda facer con total seguridade”, explicou Rivas na rolda de prensa que xunto coa nosa portavoz municipal, Avia Veira, realizamos esta mañá.

Por ultimo, a propia Avia avanzou que o noso Grupo Municipal traballará man a man co deputado coruñés para levar ao Parlamento as deficiencias dos barrios da cidade que sexan competencia da Xunta.

A Coruña, 18 xaneiro 2017