Jorquera critica que o PP use o porto como trampolín de candidatos e advirte que Fernández Prado responderá da xestión de Losada

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, considera que “non é boa política” que a Xunta de Galiza “utilice o nomeamento de presidentes das autoridades portuarias como un trampolín de promoción de futuros candidatos ás eleccións municipais”. “Non é iso o que o porto da Coruña precisa”, remarcou.
Jorquera critica que o PP use o porto como trampolín de candidatos e advirte que Fernández Prado responderá da xestión de Losada

“Desde o respecto persoal que me merece Martín Fernández Prado”, precisou o portavoz nacionalista, “quería puntualizar que, en todo caso terá que responder tamén da xestión que deixa o até agora presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, en relación aos sobrecustos na construción do porto exterior. E nese sentido quería lembrar que hai un procedemento aberto por parte do Tribunal de Contas para esclarecer as súas responsabilidades”.

Destaca Jorquera que o porto da Coruña ten perante si “retos moi importantes” e, nese sentido, subliñou as responsabilidades nesta materia por parte do Goberno galego, como administración á que lle cabe facer o nomeamento do titular da Autoridade Portuaria. E como exemplo da ausencia de xestión da Xunta, Jorquera alude a non condonación da débeda que pesa sobre o porto coruñés. “Se o Estado asume a débeda do  porto de Valéncia entre outras cousas foi porque a Generalitat valenciana en 2018 condicionou o apoio aos obxectivos do déficit, no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira, a que o Estado asumise ese compromiso. A Xunta de Galiza nunca adoptou unha posición semellante á hora de exixir ao Estado que asuma o débito do porto exterior da Coruña”, arguíu.

Por último, para Jorquera o pasado de Martín Fernández Prado como concelleiro de Urbanismo –baixo a súa dirección política mudouse a clasificación dos terreos da Solana, que pasaron de equipamento dotacional público a equipamento dotacional privado- non é un bon precedente. “Non é un bon precedente pór os intereses da cidade por rib dos de índole privada”, concluíu.

 

 

Jorquera critica que o PP use o porto como trampolín de candidatos e advirte que Fernández Prado responderá da xestión de Losada