BANCO PASTOR

Iniciativas no Parlamento galego en defensa do antigo Banco Pastor

Concentración do 14 de novembro de traballadoras e traballadores diante da antiga sede central do Banco Pastor
Concentración do 14 de novembro de traballadoras e traballadores diante da antiga sede central do Banco Pastor

Pedimos ao Goberno galego que medie para retirar o ERE do Banco Popular-Pastor/Santander

Montse Prado demanda da Xunta manter todos os postos de traballo e a marca da entidade financeira en Galiza

Iniciativas no Parlamento galego en defensa do antigo Banco Pastor

A nosa parlamentaria Montse Prado vén de rexistrar unha batería de iniciativas (podes descargalas premendo aquí) destinadas a reclamar a mediación do Goberno galego para retirar o ERE do Banco Popular-Pastor/Santander, e impedir a perda da marca da entidade en Galiza e dos postos de traballo.

Deste xeito, e por medio dunha proposición non de lei, a nosa deputada propón que o Parlamento galego amose o seu apoio ao cadro de persoal do Grupo Banco Popular-Pastor/Santander na súa oposición ao ERE de extinción de postos de traballo en Galiza, e na defensa do mantemento dos postos de traballo e dos servizos que presta a entidade no noso país.

Asemade, reclamamos instar á Xunta a manter “unha posición activa de mediación” entre a dirección do Grupo Banco Popular-Pastor/Santander e as traballadoras e os traballadores afectados para que o ERE en Galiza sexa retirado e se abra “unha vía de negociación”.

A nosa parlamentaria Montse Prado nun momento dunha intervención nunha Comisión do Parlamento

Monse Prado pediu empregar todos os mecanismos que posúe o Goberno galego para frear esta “proxectada destrución de postos de traballo” e realizar todas as actuacións precisas para manter en Galiza a marca Banco Pastor como “marca diferenciada”, en base ao seu arraigo e recoñecemento, “imprescindíbel para o mantemento do emprego”.

Por outra parte, a nosa parlamentaria tamén interpelará ao goberno galego para coñecer que actuacións leva realizado ante o ERE presentado polo Grupo Banco Popular-Pastor e Santander e que pode supoñer a perda de arredor de 400 postos de traballo en Galiza, a avaliación sobre as consecuencias deste ERE e se foi remitida á Xunta a información por parte dos responsables da entidade bancaria.

Finalmente, Montse Prado preguntará se o Goberno ten previsto involucrarse para impedir unha nova destrución de emprego no sector financeiro galego.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2017.

 

Noticias relacionadas: