RESPOSTA A UNHA PREGUNTA DE FRANCISCO JORQUERA

O Goberno Local non contempla o rescate da concesión sobre o Palacio da Ópera

“O Goberno [local] procura a mellor solución para que o Palacio da Ópera dea o servizo que está comprometido na concesión”. Esta é a resposta que lle dá o executivo coruñés a Francisco Jorquera, quen lle preguntara sobre se pensaba realizar xestións para recuperar a concesión.
O Goberno Local non contempla o rescate da concesión sobre o Palacio da Ópera

“A recuperación da concesión non foi decidida polo Goberno Municipal”, engade o executivo ao ser interpelado a respecto de en que termos e prazos eventualmente tentaría o rescate do contrato.

E inquirido por Jorquera sobre se consideraba ou non que cumpría revisar o “actual modelo concesional”, o Goberno Local responde: “É preciso que a concesionaria cumpra coas súas obrigas”, o que é tanto como dicir que actualmente non as cumpre.

Na pregunta que deu orixe a esta resposta, o portavoz do BNG lembra que a concesión sobre o Palacio da Ópera tena desde 1989 a Sociedade de Fomento e Desenvolvemento Turístico, pertencente ao Grupo Comar. Foi un goberno presidido por Francisco Vázquez quen outorgou a xestión a esta empresa por un período de 50 anos. “Esta sociedade”, salienta Jorquera, “xestiona tamén Palexco e Los Cantones Village, a través dunha concesión da Autoridade Portuaria”.

Esta concesión ten sido fonte de non poucas polémicas e conflitos. “Dunha banda”, relata Jorquera, “o edificio presenta evidentes déficits de mantemento. Doutra, arbitrouse un sistema concesional que provoca a situación absurda de que o Concello teña que abonar 850 mil euros anuais polo uso dun recinto da súa titularidade para que durante 200 días ao ano o Palacio da Ópera poida acoller as actividades da Orquestra Sinfónica da Galiza”.

É por isto que Jorquera quería saber se o Goberno Local ten entre as súas previsións a de rescatar esta concesión, intención que anunciara o anterior executivo coruñés sen a chegar a materializar.

A situación do cadro de persoal da empresa concesionaria, sometido a un ERTE do 100% para a maior parte das e dos traballadores, tamén foi abordada por Jorquera nesta pregunta por escrito.

A este respecto, o Goberno Local afirma que non pode intervir directamente “na decisión de índole laboral das empresas concesionarias”, o que casa mal co feito de que o executivo presidido por Inés Rey se comprometera cos grupos municipais a manter os contratos con todas as empresas concesionarias co obxecto de que se respectasen os postos de traballo e as condicións laborais do persoal.

O que si concede o Goberno Local é que advertiu á concesionaria que se estaba a producir unha situación irregular, a de que mentres traballadores de Comar se achaban en situación de ERTE determinadas funcións de mantemento das instalacións estaban a ser asumidas por persoal do Consorcio para a Promoción da Música.

 

 

O Goberno Local non contempla o rescate da concesión sobre o Palacio da Ópera