AVIA VEIRA LEVA O ASUNTO AO #PLENOMARZO ANTE O CADA DÍA MÁIS PRÓXIMO VENCEMENTO DO CONTRATO DO TRANSPORTE URBANO

Un Goberno Local sen ilusión nin proxecto para dar paso a un novo modelo de mobilidade

Avia Veira Mobilidade Transporte Urbano
A concelleira do BNG Avia Veira vaille dirixir unha pregunta oral ao Executivo coruñés, no Pleno do vindeiro xoves 7 de marzo, co seguinte texto: “É consciente o Goberno Local dos retos que imos ter que afrontar como cidade en materia de mobilidade durante este 2024?”.
Un Goberno Local sen ilusión nin proxecto para dar paso a un novo modelo de mobilidade

En efecto, o 31 de decembro conclúe a actual concesión do transporte público urbano e, por tanto, ábrese unha “fiestra de oportunidade” para introducir melloras significativas na prestación do servizo.

Porén, Veira ve o Goberno de Inés Rey “sen a ilusión nin o proxecto necesarios para pór en marcha un transporte público novo, máis flexíbel e adaptado ás necesidades da vida diaria das coruñesas e coruñeses”.

“Fai falta un servizo novo que contemple a reordenación de liñas, o aumento das frecuencias e das conexións cos centros sanitarios e de ensino, cos polígonos industriais, cos núcleos de poboación máis afastados do centro”, remarca. “Fai falta ampliación dos horarios, quer a primeira quer a última hora do día, para atender as necesidades de traballadoras e traballadores que ou ben entran moi cedo nos seus centros laborais ou saen de noite e xa non teñen a posibilidade de apañar un bus”, engade.

Veira xulga positivo que o Goberno Local encargase estudos -de feito xa encargou até tres- á hora de acometer a redacción do novo contrato, mais o proceso ten que se completar “co diálogo e a escoita das demandas da veciñanza”.

“É preciso abrir un proceso participativo para o novo modelo de mobilidade ter en conta as demandas das coruñesas e dos coruñeses: das traballadoras dos polígonos de Agrela e Pocomaco, da veciñanza de Novo Mesoiro ou da Agra do Orzán (que reclama unha liña interna para o barrio, do estudantado que está farto de iren como sardiñas en lata ao campus de Elviña...”, sinala.

Trataríase, en suma, de pór o interese da veciñanza “por cima dos intereses económicos dunha empresa”.

As demandas veciñais están aí, o modelo de mobilidade ten que mellorar substancialmente e, por tanto, é “moita hora” de que o Goberno Local “se poña as pilas, asuma as súas competencias e mellore os servizos que se presta ás coruñesas e aos coruñeses”.

“O 31 de decembro está a apenas 10 meses vista e o Goberno Local ten por diante un proceso de escoita da veciñanza e tamén os traballos de contratación do novo servizo. Que se espila canto antes”, concluíu.

 

 

 

 

Un Goberno Local sen ilusión nin proxecto para dar paso a un novo modelo de mobilidade