ALCALDE DA CORUÑA QUE PARTICIPOU DIRECTAMENTE NA REPRESIÓN FRANQUISTA

A retirada das honras a Peñamaría de Llano, á Comisión da Memoria

Jorquera
Jorquera
O concelleiro de Cultura e Memoria Histórica, Jesús Celemín, afirmou esta tarde que o Consello da Memoria Democrática analizará a finais de mes a petición do BNG de retirada das honras e distincións ao alcalde da Coruña Sergio Peñamaría de Llano (1959-1963) por ter participado directamente en asasinatos durante a represión franquista.
A retirada das honras a Peñamaría de Llano, á Comisión da Memoria

A petición formulouna no pleno o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, na quenda de preguntas orais ao Goberno Local.

Na súa intervención, Jorquera relatou como Sergio Peñamaría de Llano, como teñen demostrado varios traballos de investigación histórica, e na súa calidade de oficial da Lexión, dirixiu en outubro de 1936, xa concluída a Guerra Civil, una ataque contra unha familia indefensa en Soulecín, unha aldea do Barco. Os feitos resultaron no asasinato do matrimonio, após mallaren nas súas crianzas. Segundo testemuñas, sería o propio Peñamaría de Llano quen lles deu aos pais o tiro de graza.

Un día despois, dirixiu o enforcamento dunha muller e a súa filla, na aldea do Val, en Rubiá. Neste caso penduraron as vítimas dunha cerdeira e obrigaron a veciñas e veciños a contemplar o crime, entre elas unha neta pequena.

Alén diso, e xa na súa calidade de fiscal militar, participou en consellos de guerra sumarísimos con peticións de pena de morte para militantes anti-franquistas.

Segundo testemuñas, sería o propio Peñamaría de Llano quen lles deu o tiro de graza.

Xa como alcalde, estendeuse Jorquera, tivo un rol moi destacado na operación que desembocaría na entrega da Casa Cornide á familia Franco. 

“Queremos que se lle retiren as honras. É unha afronta moral e unha anomalía”, dixo Jorquera utilizando deliberamente as expresións utilizadas polo presidente do Goberno español en funcións á hora de se referir á exhumación de Franco.
Celemín reafirmou o compromiso do grupo socialista coa memoria histórica e asegurou que esta petición do BNG será a primeira en ser tratada na reunión que o Consello da Memoria Democrática ten axendada para finais de mes.

“Apoiamos a existencia do Consello da Memoria Democrática, pero quereríamos que o traslado desta petición a ese órgano non sexa unha escusa para adiar a cuestión. Xa se sabe que se di que cando non se quere resolver algo o melllor é convocar unha comisión”, ironizou Jorquera.

Reordenación de liñas de bus

A seguinte pergunta en ser formulada polo BNG no pleno fíxoa Avia Veira e tiña como obxecto interesarse polos planos que manexa o goberno para a reordenación do mapa de liñas de bus.

Lembrou Avia Veira neste sentido que “o 19 de xuño pasado PSOE e BNG asinamos un acordo político que, entre outras cousas, incluía as políticas de mobilidade” e facíao nunha dirección moi concreta, a de incrementar a frecuencia dos servizos, modificar o mapa de liñas e axustar os horarios dos buses ás necesidades da poboación traballadora.
“Non pode ser que non haxa servizos para as persoas que entran a traballar ás 7 horas ou as que saen dos seus traballos ás 11”, dixo Avia Veira, quen pediu tamén que se incluísen os sindicatos na Mesa de Mobilidade.

A este último respeito, o concelleiro de Mobilidade, Juan Villoslada, admitiu que o Goberno Local estuda a incorporación das centrais a ese órgano, como tamén “dalgún colexio profesional ou mesmo da Federación de Anpas”.
Villoslada remarcou que “o plano de traballo que temos non é pór patas arriba todas as liñas da cidade” e indicou que o obxectivo é modificar o mapa de servizos “para sermos máis eficientes en termos non económicos, senón de rentabilidade social” no horizonte de conseguir “a maior mobilización de persoas para que se evite ou se palíe a necesidade de utilizar o vehículo particular”.

Veciñanza afectada polo Ofimático

Con veciñas e veciños presentes na tribuna de convidadas, ás que saudou Avia Veira no limiar da súa intervención, a concelleira do BNG perguntou a seguir a Villoslada, na súa calidade de concelleiro de Urbanismo, por se comezara xa os trámites para a desafectación do ámbito en que viven estas persoas directamente afectadas pola construción do chamado Parque Ofimático.

AviaComo no asunto anterior, Veira lembrou a Villoslada que en xuño nacionalistas e socialistas concordaron en consensuar coa veciñanza do Ofimático ou a desafectación ou unha solución urbanística alternativa e definitiva.

“É fundamental que toda solución que se lle dea á veciñanza sexa consensuada con ela. Levan unha decepción acumulada con este asunto que dá para tres vidas. Hai cinco anos que o concello da Coruña desafiuzou unha familia para botar abaixo unha casa ou un taller que era o seu sustento económico. E fíxose para non construír nada”, relatou Avia Veira, quen advertiu ao Goberno Local que “a nós non nos vale, á veciñanza tampouco, unha solución do tipo de ‘queden vostedes nas súas casas, que non vai pasar nada’. Queremos unha solución definitiva. Ou a desafectación  ou unha modificación do plano xeral”.

Salientou tamén que “algunhas veciñas teñen que facer fronte a cotas de urbanización que sobardan os seus recursos económicos pola construción dun polígono de vivendas que lles foi imposto e que as obrigou contra a súa vontade a se converteren en promotoras”. “Teñen enriba delas unha Espada de Damocles desde hai moitos anos. É xa moita hora de lle darmos a isto unha solución real e definitiva”, concluíu Veira.

"Queremos unha solución definitiva. Ou a desafectación  ou unha modificación do plano xeral”

Pola súa parte, Villoslada esclareceu que o Goberno Local desbota a desafectación co argumento de que a modificación do plano levaría aparellado un retraso de varios anos na conclusión do polígono do Ofimático –onde estarían xa a vivir unhas 200 familias-, cuxa segunda fase de obras está programada para 2020.

O que para o Goberno Local é urxente é darlle solución “individualizada” ás veciñas que non teñen recursos para afrontar as cotas de urbanización. Esa solución estana procurando os servizos económicos da Concellaría de Urbanismo, dixo Villoslada, quen dixo que as obras de urbanización pendentes non afectan o ámbito en que viven as veciñas, ou sexa, a marxe dereita de Lavedra.

“Estamos tratando de atender esa prioridade principal [a das cotas de urbanización] sen perder de vista a necesidade de darlles ás veciñas unha saída urbanística máis definitiva”, concluíu Villoslada.