MOCIÓN DO BNG PARA ESTE 5D PARA LOGRAR A INCLUSIÓN PLENA DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

Fagamos unha cidade máis democrática e accesíbel para todas

Un momento da rolda de prensa
Un momento da rolda de prensa
A conquista dunha cidade verdadeiramente democrática e accesíbel, isto é, unha cidade verdadeiramente de persoas iguais. Iso é o que se defende na moción que o BNG vai defender no pleno do concello do vindeiro xoves 5D, anunciou esta mañá en rolda de prensa a concelleira nacionalista Avia Veira, quen comparecía ante os medios en pleno Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Fagamos unha cidade máis democrática e accesíbel para todas

“O que afirma, e con toda razón, o tecido asociativo das persoas con discapacidade é que A Coruña non está adaptada nin é accesíbel para persoas con diversidade e iso a pesar de que si existe unha lexislación galega e española que teoricamente garante a igualdade”, dixo Veira. “Unha cousa é a lei, outra moi distinta a realidade. Na práctica estas persoas viven na desigualdade”.

Superar esa desigualdade é condición sine qua non para construír unha cidade verdadeiramente democrática, accesíbel a todas as persoas con independencia da súa condición “física, psicolóxica ou sensorial”, alega Avia Veira, quen instou o resto dos grupos municipais a que respalden o contido da moción do BNG, a única que sobre este asunto se vai debater no pleno deste xoves.

“A accesibilidade vai moito alén de rebaixar os bordos das beirarrúas”, esclareceu Veira. “É pensar as cidade desde a empatía, desde a empatía, que non desde o paternalismo”, remarcou. E por iso é “fundamental” tornar “democráticos” os espazos e os edificios públicos. “Non pode ser que, por pór un exemplo, as escaleiras que conducen a algunhas dependencias municipais, no mesmo Palacio de María Pita, non sexan accesíbeis para todas as persoas”, dixo.

Avia Veira instou o resto dos grupos municipais a que respalden o contido da moción do BNG, a única que sobre este asunto se vai debater no pleno deste xoves

A moción ten como propósito que se desenvolvan políticas perfectamente viábeis, “de sentido común”, sen grande custo económico nin orzamentario e que, alén de máis, poden ser asumidas desde as competencias municipais.

“Hai algunhas que nin sequera requiren de impacto orzamentario. Só dependen da vontade política”, dixo citou entre esas medidas que toda obra pública a realizar se consulte co Grupo de Accesibilidade Coruña.“Temos un tecido asociativo moi activo e formado e moi disposto a facer as súas achegar. Hai que aproveitalo desde o concello”.

Outras medidas, porén, si que envolverían compromiso orzamentario, entre elas a realización dun Plan de Accesibilidade ao espazo público, a instalación de bucles magnéticos nos recintos municipais ou as axudas para rehabilitar edificios non accesíbeis. “Nesta cidade hai moita xente que vive encerrada nas súas casas porque son moradas de moi difícil accesibilidade para persoas de mobilidade reducida”, estendeuse a concelleira nacionalista.

O BNG demanda que toda obra pública a realizar desde o concello se consulte co Grupo de Accesibilidade Coruña

A moción estrutúrase sobre catro eixos: o deseño dun espazo público accesíbel a todas as persoas (con elevación dos pasos de peón para rebaixar a velocidade dos coches ou tornar máis lenta a mudanza das luces nos semáforos para dar tempo a que se crucen con seguridade), a garantía dunha vivenda digna e accesíbel (que non se suba o aluguer cando se instalen elementos de accesibilidade no caso do propietario do inmóbel recibir diñeiro público), a construción dunha cidade democrática (que todas as webs públicas sexan accesíbeis para persoas con diversidade funcional) e a consecución dunha infancia con dereitos (que se garanta a participación de todas as nenas e nenos en calquera das actividades organizadas polo concello).