EMVSA

Entendemos que a Marea Atlántica segue a aplicar políticas continuístas na Empresa Municipal de Vivenda

Punto de recollida de Bicicoruña nos Cantóns
Punto de recollida de Bicicoruña nos Cantóns

É escandaloso que a xestión dos procedementos sancionadores por infraccións de tráfico siga privatizada por unha licitación realizada por EMVSA

Aledámonos do impulso ao complexo deportivo do Castrillón mais volvemos criticar que as dimensións do vaso de auga da piscina non respectan as Normas NIDE nin recollen a construción dun vaso de chapuzar para as máis pequenas e os máis pequenos

Entendemos que a Marea Atlántica segue a aplicar políticas continuístas na Empresa Municipal de Vivenda

A respecto da celebración hoxe do Consello de Administración de Emvsa, criticamos o continuísmo da Marea Atlántica en EMVSA xa que ningún dos puntos da orde do día tiña nada a ver co dereito á vivenda, a saber: Bicicoruña, xestión de multas e piscina do Castrillón, como asuntos principais.

Deste xeito, en primeiro lugar, queremos amosar a nosa posición en contra da exposición da memoria xustificativa, pregos e estudos do contrato de subministración de bicicletas, puntos de préstamo con bases de carga e sistema de xestión, así como servizo de mantemento, e mais para o asunto 8, Publicación, se procede, de bolsa de emprego para a provisión de prazas de operario/a de o servizo de aluguer de bicicletas de uso público.

Queremos sinalar as nosas dúbidas sobre situación en que está o persoal de Bicicoruña que na RPT aprobada no Consello de Administración de febreiro deste mesmo ano, na que non puido participar a nosa concelleira Avia Veira por atoparse fóra da cidade, aparecían recollidos como persoal temporal. Cremos que debe aclararse a axustarse estes contratos á realidade antes de iniciarse calquera proceso de ampliación do persoal ou do servizo.

Do mesmo xeito, e a respecto do asunto 7, Análise e proposta de adxudicación, se procede, de asistencia técnica na xestión dos procedementos sancionadores por infraccións de tráfico, tamén amosámonos moi críticos con que a xestión dos procedementos sancionadores se faga a través dunha empresa privada cando, consideramos, debe ser realizada polo propio Concello da Coruña.

Cremos que debe ser o Concello da Coruña o xestor directo destes procedementos, e non a través dun medio propio, como neste caso se fai a través de Emvsa, que á súa vez licita a xestión. Isto significa que unha empresa privada ten acceso a datos persoais que entendemos que teñen que ser só de acceso único da Administración.

Asemade, incidimos, que os cambios substanciais que se introducen nos pregos desta nova contratación, a respecto da anterior licitación, responden a que durante o desenvolvemento da actual se teñen producido feitos moi graves que constitúen “cesión ilegal de traballadores”, tal e como teñen denunciado un grupo de traballadoras da empresa Vialine, actual licitadora. 

No que ten a ver co asunto 5, Exposición da memoria xustificativa, proposta e aprobación, se procede, de pregos de licitación pública de redacción do proxecto de execución e dirección das obras da parcela dotacional pública no barrio do Castrillón, malia estar de acordo con que se remate de vez a dotación desta infraestrutura no Castrillón, queremos volver reiterar a crítica canto ás especificidades das dimensións do vaso de auga da piscina xa que logo non respectan as Normas NIDE do Consello Superior de Deportes, tanto para as competicións locais e máis para o adestramento, ademais de que tampouco se recolle no proxecto a dotación dun vaso de chapuzar que posibilitaría o uso desta instalación para os máis pequenos e as máis pequenas.

Por último, no punto en que se acordou a delegación da licitación dos contratos menores na Dirección Xeral, tamén demandabamos que é preciso que se informe periodicamente ao Consello de Administración de todos os contratos menores que se vaian tramitando e licitando por parte de Emvsa.

A Coruña, 24 de outubro de 2018.