CULTURA

Cultura universal ou cultura para quen poda pagala?

Exterior do Forum Metropolitano na rúa Monelos
Exterior do Forum Metropolitano na rúa Monelos

Denunciamos a inexistencia de bonificacións a persoas en exclusión social no programa cultural Lecer de Outono 2017 do Fórum Metropolitano

Non entendemos como colectivos en exclusión social, persoas en situación de desemprego ou mesmo a mocidade non se poden beneficiar de descontos e pregúntamonos porque non se facilita un acceso universal a este tipo de actividades culturais

Tamén preguntamos se o Goberno vai rectificar e, por tanto, modificar as tarifas antes do remate do prazo de inscrición, xa que logo cremos que toda a veciñanza debe poder acceder á cultura na nosa cidade

Cultura universal ou cultura para quen poda pagala?

Vimos de rexistrar esta mañá unha batería de preguntas para a súa resposta escrita (podes velas premendo aquí) para o vindeiro Pleno en relación a inexistencia de bonificacións ou exencións a diversos colectivos para o programa Lecer de Outono 2017 do Fórum Metropolitano.

E é que para esta actividade non se recolle ningún tipo de desconto ou de bonificación para persoas en situación de exclusión social (RISGA, RSM etc), persoas desempregadas ou mozas e mozos.

A mediados de agosto, a través da páxina web do Concello da Coruña e do perfil en redes sociais do Fórum Metropolitano, anunciouse o Programa Lecer de Outono 2017. Trátase dun programa no que se ofrecen diferentes obradoiros e actividades que terían lugar desde outubro até decembro. Na páxina web sinálase, ademais, que para poder anotarse nun obradoiro é preciso pagar 30 euros, 21 no caso de que esa persoa estea xubilada. Porén, e para a nosa sorpresa, colectivos en risco de exclusión, persoas que estean en situación de desemprego ou mesmo para a mocidade non existe ningún tipo de  exención ou desconto. Preguntámonos se o Goberno municipal non entende que debería posibilitar o acceso deste tipo de actividades a todos estes colectivos.

Deste xeito, queremos que o Executivo local explique como decidiu o establecemento das taxas para poder participar do Programa e por que só ten establecido o desconto para as persoas xubiladas, excluíndo ao demais colectivos.

E queremos que o Goberno da Marea aclare porque non posibilita que as persoas en exclusión social, a mocidade e as persoas desempregadas accedan a este tipo de actividades e preguntamos se vai a rectificar e, por tanto, vai modificar as tarifas antes de que remate o prazo de inscrición para posibilitar que todo o mundo teña acceso ao Programa Lecer de Outono 2017, xa que logo cremos que a toda a veciñanza debe poder acceder á cultura na nosa cidade independentemente das súas circunstancias económicas ou sociais”, conclúe a portavoz nacionalista.

A Coruña, 5 de setembro 2017.