MOCIÓN DO BNG NO PLENO DO 16X, TAMÉN A PROL DA CONDONACIÓN DA DÉBEDA POLA DÁRSENA EXTERIOR

Por un Consorcio para a transformación do porto interior

O grupo municipal do BNG vai defender no pleno do vindeiro xoves 16X unha moción en que se insta o Goberno Local a que abra negociacións co novo Goberno do Estado en relación ao futuro do borde litoral da cidade.
Por un Consorcio para a transformación do porto interior

En concreto, o portavoz do BNG Francisco Jorquera empraza o Executivo liderado por Inés Rey a que negocie co Goberno de Pedro Sánchez a constitución dun Consorcio, “coa participación das distintas administracións e entes implicados”, para acometer a transformación dos terreos do porto interior, “mantendo sempre a titularidade pública dos mesmos”. As conversas teñen que ter como obxectivo tamén, remarca a formación nacionalista, a condonación da débeda contraída pola construción do porto exterior “ou buscando outras solucións financeiras que en ningún caso representen unha hipoteca para o futuro da cidade, nin unha desigualdade de trato a respecto das solucións dadas noutros portos de interese xeral do Estado”.

O BNG propón que no Consorcio participen as "distintas administracións e entes implicados"

Coa moción ínstase tamén o Goberno Local a que solicite a devolución ou a cesión ao Concello dos terreos e instalacións da súa titularidade actualmente en desuso ou infrautilizados (desde os do Ministerio de Defensa até os do Ministerio de Transición Enerxética pasando polos portuarios).

Na exposición de motivos desta iniciativa, o portavoz nacionalista coloca esta moción no contexto do recente acordo acadado no Congreso polo BNG co grupo socialista para viabilizar a investidura de Pedro Sánchez. Un acordo que, entre outros aspectos, inclúe a transferencia da AP9, a modernización das liñas ferroviarias A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo, a conexión ferroviaria co porto exterior, o plan de dragaxe, rexeneración e recuperación da Ría do Burgo e o impulso do Estatuto de Empresas Electrointensivas, clave para garantir futuro á factoría de Alu Iberia, a antiga Alcoa.

Na exposición de motivos desta iniciativa, o portavoz nacionalista coloca esta moción no contexto do recente acordo acadado no Congreso polo BNG co grupo socialista para viabilizar a investidura de Pedro Sánchez

Os compromisos selados polo BNG en Madrid teñen que ser complementados agora coa necesaria cooperación institucional entre o Goberno Local e o do Estado co propósito de resolver  cuestións básicas para a cidade como o deseño do bordo litoral ou a devolución ao Concello dos terreos en desuso de titularidade estatal.