ROGO DE JORQUERA AO GOBERNO LOCAL NO PLENO DO PRÓXIMO 10S

A comisión de servizos debe ser a excepción e non a norma na provisión de postos de traballo

O BNG considera que no Concello estase a producir unha utilización “irregular e excesiva” das comisións de servizo para prover de prazas os distintos servizos da Administración local. “Séguense convocando postos de concurso en comisión de servizo. A día de hoxe hai en marcha cen procesos, sen que dispoñamos de información da súa motivación de urxencia e necesidade”, afirma Francisco Jorquera, portavoz nacionalista en María Pita.
A comisión de servizos debe ser a excepción e non a norma na provisión de postos de traballo

Perante esta situación, o BNG vaille formular un rogo oral ao Goberno Local no pleno do vindeiro 10 de setembro e vaino facer con dous propósitos. O primeiro, o de que o executivo coruñés limite o recurso á comisión de servizos a “situacións excepcionais, motivadas por razóns de urxencia e necesidade”. O segundo, que o Goberno Local regularice “coa maior celeridade posíbel o sistema de provisión de postos de traballo no Concello da Coruña, establecendo o concurso como sistema habitual” e que, a maiores, “se execute sobre a totalidade das vacantes pendentes ao mesmo tempo”.

O problema do uso indiscriminado das comisións de servizo (que consisten en que unha/un funcionaria/o é adscrita a un posto de forma temporal, regularmente un ano, coa posibilidade de obter unha prórroga excepcional por outros 12 meses) é que resulta prexudicial do punto de vista organizativo, “pois o persoal está sempre en precario, tanto o que está en comisión de servizo como o que ocupa o posto de orixe do comisionado, que tamén xera unha nova comisión de servizo”, explica Jorquera na exposición de motivos deste rogo.

Alén diso, a aplicación excesiva deste mecanismo de provisión de postos de traballo xera “desmotivación” no persoal “ao percibir que o progreso na súa carreira profesional na administración pública non se fundamenta nun sistema baseado no mérito e na capacidade”, sendo que se lle outorgaría máis valor “a outras consideracións que á valía profesional ou á implicación no propio traballo”.

 

 

A comisión de servizos debe ser a excepción e non a norma na provisión de postos de traballo