Chabolismo: Non se executou o 45,6% do orzamento do programa de axudas municipais ao alugueiro

Chabolismo: Non se executou o 45,6% do orzamento do programa de axudas municipais ao alugueiro

A Coruña, 6 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira non foi quen de executar o 45,6% do orzamento do programa de axudas municipais destinadas ao alugueiro de familias dos poboados chabolistas da Pasaxe, das Rañas e do Portiño. E, malia isto, o Goberno local vén de aprobar un aumento desta partida nunha nova mostra de artificio para inflar de maneira irreal os orzamentos de Servizos Sociais e para “facer que fai”.

Así, a última memoria de xestión dos Servizos Sociais coñecida, a de 2013, revela que de 46.800 euros consignados para o programa de alugueiro nos orzamentos dese ano tan só foron executados 25.480 euros, é dicir, o 54,4%. Isto signfica que o Goberno do Sr. Negreira deixou sen gastar 21.320 euros. E isto, advirten as nacionalistas, a pesar de que na propia memoria de xestión o Goberno local sinala que “se atenderon a totalidade das demandas”.

Precisamente, o Grupo Municipal do BNG vén de ter acceso a unha resolución de Alcaldía mediante a cal se aproba o programa de axudas municipais destinadas ao aluguer de familias procedentes de asentamentos chabolistas da cidade para o ano 2015, aumentando a cantidade do programa a 54.600 euros. E isto, critica o Bloque, a pesar de que o propio Goberno local recoñece na súa última memoria de xestión que atendeu a demanda total de axudas municipais ao alugueiro con tan só 25.480 euros.

O BNG reclama unha modificación da normativa, pois estes datos demostran que é ineficaz

Ante estes datos, o Grupo Municipal do BNG reclama unha modificación da normativa municipal que regula o acceso ás axudas municipais ao alugueiro de vivendas para as persoas que viven na Pasaxe, nas Rañas e no Portiño, pois resulta, claramente, ineficaz e dificulta o acceso ás axudas. A día de hoxe un total de 140 familias viven nestes tres poboados precarios e, nos case catro anos de goberno, o Sr. Negreira só conseguiu sacar deles 10 familias.