A caravana de #TodasAsCoruñas recolle propostas para dignificar a vida en Mesoiro

A caravana de #TodasAsCoruñas recolle propostas para dignificar a vida en Mesoiro

A Coruña, 27 de febreiro de 2015- Mesoiro foi o novo punto de visita da caravana de #TodasAsCoruñas na súa de paradas nos núcleos rurais da cidade. Alí, a candidatura do BNG Asembleas-Abertas, encabezada por Xosé Manuel Carril, recolleu unha vintena de propostas encamiñadas a dignificar a vida neste lugar que presenta graves problemas de accesibilidade para a veciñanza.

Entre as propostas recollidas polo BNG-Asembleas Abertas, destaca a construción de beirarrúas e o pintado de pasos de peóns, co fin de garantir a mobilidade dos veciños e veciñas, que a día de hoxe padecen graves problemas de seguridade viaria, e mellorar a regulación do tráfico. En relación coa mobilidade, tamén se inclúe a creación dunha nova liña de autobús que una o núcleo rural con Someso e a Univerisidade e que teña como destino final o CHUAC e o Hospital Teresa Herrera.

A separación das augas fecais e pluviais e a mellora do sistema de canalización da auga é outra das propostas recollidas polos nacionalistas, que denuncian que a falta de canalización provoca que, cando chove moito, a auga chegue ás portas das casas que se atopan ao pé da estrada principal. Ademais, o BNG-Asembleas Abertas recolleu a necesidade de mellorar o servizo de limpeza, pois cada veciño e veciña se ve na obriga de baldear as entradas das casas e os camiños, pois o camión de limpeza do Concello tan só percorre Mesoiro días puntuais do ano, como Defuntos, tal e como lle transmitiu a veciñanza da Carril. En relación coa limpeza, veciños e veciñas reclamaron a recollida de limpeza diaria e a desratización da zona na que se atopan as casas abandonadas ao pé da estrada.

Entre outras das propostas asumidas polo BNG-Asembleas Abertas destaca a recuperación dos camiños veciñais, cortados a día de hoxe para dar paso ao viario da terceira rolda. É o caso do camiño de Cadeiras, que unía Mesoiro coa Zapateira e co Castro de Elviña e que conducía ás fincas dos veciños e veciñas. Agora, para traballaren as terras, os habitantes de Mesoiro vense na obriga de dar un rodeo por toda a aldea para accederen a elas.

Carril subiu ao seu perfil de Facebook unha serie de pezas audiovisuais nas que una veciña de Mesoiro que se achegou á caravana de #TodasAsCoruñas denuncia as carencias do lugar.

A caravana de #TodasAsCoruñas recolle propostas para dignificar a vida en Mesoiro