CIDADE

Cales son as propostas do Goberno municipal aos grandes problemas da cidade?

Momento da reunión mantida esta mañá entre a nosa portavoz municipal Avia Veira e o alcalde Xulio Ferreiro
Momento da reunión mantida esta mañá entre a nosa portavoz municipal Avia Veira e o alcalde Xulio Ferreiro

Xa nos temos posicionado publicamente sobre os peiraos e os seus usos, sobre a mobilidade e a Área Metropolitana e xa lle temos trasladado en numerosas ocasións as nosas propostas. Cremos que ten que ser agora o Goberno municipal quen poña negro sobre branco as propostas concretas para avanzar na resolución dos grandes problemas da cidade e, polo tanto, tócalle agora ao Executivo local deixar as ambigüidades e falar claramente de cales son as súas apostas

Avia deu traslado ao alcalde da posición clara que vimos mantendo no BNG desde hai anos e que vén recollida nos programas electorais de 2011 e 2015 a respecto da Fachada Marítima e os usos dos peiraos interiores, a mobilidade e Área Metropolitana

Na posterior comparecencia, e a preguntas da prensa sobre os orzamentos, a nosa voceira no Concello demandou que o Goberno municipal vaia dando pasos adiante para cumprir co manifestado polo alcalde no Pleno da cuestión de confianza no que se comprometía a incorporar a través dun modificativo as emendas que presentaron as nacionalistas aos orzamentos 2017

Cales son as propostas do Goberno municipal aos grandes problemas da cidade?

Vimos de valorar a xuntanza mantida esta mañá na rolda de reunións que o alcalde Xulio Ferreiro está realizando cos grupos municipais durante esta semana.

Deste xeito, cremos que a reunión non respondeu as expectativas levantadas malia inscribirse no marco da relación institucional normalizada entre os grupos e de se amosar moitas coincidencias sobre os aspectos xerais tratados.

Dada a importancia dos temas, a fachada marítima da cidade e os usos dos peiraos, a mobilidade e a Área Metropolitana, non se chegou a un nivel de concreción suficiente a pesar das numerosas ocasións nas que temos amosado o noso posiconamento e nas que temos traslado propostas xa desde o mandato anterior e levado nos nosos programas electorais de 2011 e 2015.

É por iso que cremos que ten que ser agora o Goberno municipal quen poña negro sobre branco as propostas concretas para avanzar na resolución dos grandes problemas da cidade e, polo tanto, tócalle agora ao Executivo local deixar as ambigüidades e falar claramente de cales son as súas apostas.

Deste xeito,durante a reunión volvemos reafirmar os posicionamentos claros que vimos mantendo desde o mandato anterior a respecto da Fachada Marítima e os usos dos peiraos interiores, a mobilidade e a Área Metropolitana.

E lembrámoslle a nosa aposta pola devolución gratuíta da Solana e do Hotel Finisterre, desbotando calquera pagamento. Ou a nosa intención de potenciar os usos mixtos dos peiraos interiores como eixo produtivo marítimo pesqueiro xerador de novas actividades e mantendo aquelas que non podan ser desenvolvidas no porto exterior, ou a firme oposición a establecer usos residenciais no peirao de San Diego e a aproveitar ás infraestruturas hoxe en día existentes abrindo un novo escenario de mobilidade para a cidade e a súa contorna metropolitana, asemade, tamén, de servir de espazo onde apostar polo transporte marítimo coa promoción dun servizo público metropolitano de transportes marítimos.

E trasladámoslle a nosa denuncia que facemos desde hai anos de lle dar resposta á situación da mobilidade na cidade, polo que consideramos que despois de máis de 20 meses de mandato municipal sen ningunha actuación por parte do Executivo local, xa era tempo de que canto menos se entendera que hai que buscar solucións.

Orzamentos 2017

Na comparecencia aos medios de comunicación posterior ao encontro co rexedor, e a preguntas da prensa sobre os orzamentos, a nosa voceira demandou que o Goberno municipal vaia dando pasos adiante para cumprir co manifestado polo alcalde no Pleno da cuestión de confianza no que se comprometía a incorporar a través dun modificativo as emendas que presentaron as nacionalistas aos orzamentos 2017.

E aínda que non se falou dos orzamentos en concreto durante a xuntanza, si cremos que debemos sentarnos a falar antes de ter o Pleno de aprobación definitiva xa que entendemos que non se pode dar o mesmo espectáculo que o ano pasado. Ademais queremos entender que o alcalde manterá a súa palabra a respecto das achegas realizadas polo BNG no proceso de negociación e que se incorporarán finalmente”, concluíu Avia Veira.

A Coruña, 16 de marzo de 2017