XUNTANZA DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO

O BNG ve un "insuficiente grao de cumprimento" do Acordo de Investidura e combina unha nova reunión co PSdeG

O BNG trasladoulle esta mañá ao PSdeG-PSOE que ve un “insuficiente grao de cumprimento” do Acordo de Investidura por parte do Goberno Local e emprazou o grupo que dá sustento ao executivo coruñés a que se manteña na letra e no espírito do documento político  que permitiu o acceso de Inés Rey á Alcaldía.
O BNG ve un "insuficiente grao de cumprimento" do Acordo de Investidura e combina unha nova reunión co PSdeG

Así llo transmitiu a formación nacionalista ao PSdeG durante a reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura realizada esta mañá no Salón Azul do Pazo de Maria Pita. Ambas forzas combinaron no seu transcurso volver ter unha nova xuntanza nun encontro a ter lugar na primeira quincena de outubro.

“Estamos preocupadas e preocupados porque o grao de cumprimento do acordo é manifestamente mellorábel. Continuamos a pensar que o que asinamos en xuño de 2019 é un moi bon acordo para a cidade. Nós non nos movemos del, mais ás veces temos a sensación de que o PSOE, si. Hoxe, trasladámoslles esa impresión e emprazámolos a que volvan ao acordo”, dixo Jorquera.

Comisom Seguimento 2

Onde están os incumprimentos do acordo? En múltiples planos, desde o urbanismo até a cultura (“hai unha preocupante ausencia de política cultural”) ou na normalización lingüística (“aínda está pendente o impulso á ordenanza sobre o uso do galego”). “Somos críticos coa deriva que está habendo na política urbanística. Discrepamos profundamente do proxecto das Percebeiras, como no seu día tamén sobre a proposta que se levou a Pleno dun Parque para a Agra do Orzán, con insuficiente dotación de zonas verdes. Continuamos sen ver unha política de mobilidade ambiciosa. Non vemos unha aposta decidida polo transporte público, con melloras concretas no bus urbano, tanto na revisión do mapa de liñas como no incremento das frecuencias ou na ampliación de horarios”, pormenorizou o portavoz nacionalista.

Alén dos incumprimentos concretos, Jorquera puxo a énfase en que o PSdeG ten marcado distancia sobre o conxunto do Acordo de Investidura. “Se o Goberno Local volve ao espírito de xuño de 2019 o BNG terá unha actitude construtiva, colaborativa e propositiva, como veu facendo desde que comezou o mandato. Eu confío en que o faga. En todo caso, emprazámonos a unha nova reunión da Comisión de Seguimento para, xa nela, verificarmos con maior concreción o grao de cumprimento por parte do Goberno Local dos compromisos que contraeu co BNG no Acordo de Investidura”, concluíu Jorquera.

 

O BNG ve un "insuficiente grao de cumprimento" do Acordo de Investidura e combina unha nova reunión co PSdeG