O BNG pregúntalle ao Goberno Local se non cre que a ampliación do CHUAC a ten que financiar integramente a Xunta

 O BNG vai dirixir unha pregunta oral ao Goberno Local no próximo pleno do Concello, axendado para o xoves 4 de xuño, a respecto de como ve a proposta de convenio realizada pola Xunta para a ampliación do CHUAC.
O BNG pregúntalle ao Goberno Local se non cre que a ampliación do CHUAC a ten que financiar integramente a Xunta

Segundo esa proposta, o Concello tería que cofinanciar a construción cun desembolso de 22 millóns de euros, 12 para adquisición de solo e 10 para os accesos.

"Opoñémonos a ese modelo. Estamos a falar dunha infraestrutura de carácter supramunicipal e por tanto debería ser financiada integramente pola Xunta. Non ten ningún sentido que o Concello sufrague en parte as obras coa compra de solo por valor de 12 millóns de euros", afirma Avia Veira, quen acusa o Goberno Feixóo de "presionar o Goberno Local para que poña diñeiro en políticas que son de competencia exclusiva da administración galega".

No canto de ter esta actitude, o Goberno Feixóo debería centrarse en "solucionar o déficit de servizos e profesionais que hai no SERGAS na nosa área sanitaria", salienta Avia Veira, e cita a ese respeito as deficiencias que existen na atención primaria, nos Centros de Orientación Familiar ou no Hospital de Oza. "A Xunta debe atender as súas obrigas e non dedicarse a forzar os concellos a asumiren competencias que non lles corresponden. A Xunta debería deixar de desmantelar camas durante o verán no CHUAC ou acabar coa precariedade laboral das e dos profesionais sanitarios", conclúe.

O BNG pregúntalle ao Goberno Local se non cre que a ampliación do CHUAC a ten que financiar integramente a Xunta