CAMPAÑA DAS XERAIS

O BNG pedirá no Congreso a cesión gratuíta ao concello dos terreos do Observatorio para o Parque da Agra

reparto
reparto
Así o anunciou esta mañá a candidata do BNG ao Congreso Mercedes Queixas, quen participou –canda outras militantes da formación nacionalista, entre elas o portavoz en María Pita Francisco Jorquera–, nun reparto de material informativo de campaña na rúa Barcelona.
O BNG pedirá no Congreso a cesión gratuíta ao concello dos terreos do Observatorio para o Parque da Agra

"Sen os terreos do Observatorio o Parque da Agra non será o pulmón verde que este barrio, unha das zonas máis densamente poboadas da cidade, precisa. Por iso as nacionalistas demandaremos ao Ministerio de Transición Enerxética a súa cesión ao concello", afirma Queixas.

"Hai moitos asuntos que atinxen a nosa cidade e que se deciden en Madrid. Por iso é crucial termos unha voz propia no Congreso que defenda os nosos intereses", engadiu a docente e escritora, a candidata que fecha a lista do BNG ao Congreso por A Coruña.

A cesión ao concello da Coruña dos terreos do Observatorio –para a súa edificabilidade ser convertida en zonas verdes– é un dos acordos aos que teñen chegado no que vai de mandato os grupos municipais de BNG e PSdeG-PSOE.