A DEBATE NO PLENO DO 3-O

O BNG leva ao pleno unha moción para comprometer o concello no combate contra a ludopatía

O BNG vai defender no pleno do vindeiro xoves 3-O unha moción para comprometer o concello da Coruña no combate contra a ludopatía, un fenómeno social que xa está a causar estragos na mocidade e cuxa penetración é particularmente alarmante “nos barrios obreiros da Coruña”.
O BNG leva ao pleno unha moción para comprometer o concello no combate contra a ludopatía

No texto da moción, a súa autora, Avia Veira, achega datos abondo ilustrativos. O número de salóns de xogo na cidade é superior ao promedio estatal e galego (un local de apostas por cada 10.500 habitantes na Coruña, un por cada 17.000 na Galiza, un por cada 12.000 no Estado). Alén diso, a idade media de inicio entre persoas a tratamento por ludopatías é de 18,2 anos, “o cal significa que hai moitísimos mozos que comezaron a xogar sendo menores”.

A situación é grave e obriga os poderes públicos a se mover. Daí que o BNG rexistase esta moción para o seu debate no pleno. Sinteticamente o que pretende é que o concello actúe no marco das súas competencias e, por outra parte, inste a Xunta de Galiza a que actúe no cadro das súas, a aprobar unha nova lei de xogo, a vixente é de 1985, que sexa quen de conter o avanzo da adicción ás apostas na poboación galega.

O número de salóns de xogo na cidade é superior ao promedio estatal e galego (un local de apostas por cada 10.500 habitantes na Coruña, un por cada 17.000 na Galiza, un por cada 12.000 no Estado)

No marco das competencias propias, o concello debería prohibir a publicidade sobre apostas nas instalacións municipais e soportes dependentes da administración municipal, ben como pór en andamento unha “campaña de impacto masivo sobre o efecto que o xogo” ten sobre a vida das persoas. O goberno local debería tamén elevar a taxa municipal de abertura para “casinos, bingos e salas de xogo”.

Dentro do programa A Coruña-Educa propón o BNG que se programen máis charlas nos centros de ensino de prevención da adicción ao xogo, ao tempo que é preciso, entenden as nacionalistas, aumentar a contía do convenio existente entre o concello e a Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (AGALURE) para que “poida atender a elevada demanda de tratamento” ás persoas afectadas por este grave problema social.