NA PROCURA DUNHA SOLUCIÓN URBANÍSTICA AO CONFLITO DERIVADO DO PARQUE OFIMÁTICO

BNG e Marea pídenlle a Villoslada que cumpra o seu compromiso e se reúna o 29S coa veciñanza de Elviña

Nos Plenos desenvolvidos en xullo e setembro o concelleiro delegado de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, comprometeuse a que antes de concluír este mes mantería unha reunión, unha Mesa de Traballo, coa veciñanza afectada polo Parque Ofimático na procura dunha solución definitiva a este conflito urbanístico.
BNG e Marea pídenlle a Villoslada que cumpra o seu compromiso e se reúna o 29S coa veciñanza de Elviña

Nos senllos acordos de investidura asinados en xuño de 2019 polo PSdeG con Marea Atlántica e BNG, o grupo municipal que dá soporte ao Goberno Local adquiriu o compromiso de desafectar as e os veciños atinxidos polo Ofimático ou, no seu defecto, artellar unha solución urbanística equiparábel que en todo caso contase co consenso veciñal.

Transcorrido ben máis dun ano, o Goberno Local nin desafectou nin procurou unha solución alternativa, o que levou as e os veciños a manteren as súas mobilizacións, con protestas diante do Pazo de María Pita durante a celebración dos sucesivos plenos.

Ante a ausencia de iniciativa por parte do concelleiro de Urbanismo, e dado que estamos xa na recta final de setembro, BNG e Marea presentaron hoxe no Rexistro do Concello unha solicitude para que Villoslada convoque o día 29 a Mesa de Traballo coa veciñanza de Elviña. Se o concelleiro non ten esa data disponíbel, que fixe calquera outra sempre que sexa antes de concluír este mes.

Nesa Mesa de Traballo, tal e como foi previamente acordado, participarían as e os veciños de Elviña, o Goberno Local, a Marea e o BNG.

 

BNG e Marea pídenlle a Villoslada que cumpra o seu compromiso e se reúna o 29S coa veciñanza de Elviña