PROPOSTAS A SEREN ABORDADAS NA PRÓXIMA COMISIÓN DE FACENDA

O BNG actualiza e amplía o seu plan de choque para facer fronte á crise da Covid-19

As medidas van desde o ámbito social -co reforzo da Renda Social Municipal-, ao fiscal -coa condonación durante catro meses do 100% do aluguer das vivendas municipais-, ao económico -axilización do investimento previsto nos orzamentos de 2020, execución do 100% das partidas de Cultura, posta en marcha do Consello Económico e Social para elaborar un Plan de Industrialización-
O BNG actualiza e amplía o seu plan de choque para facer fronte á crise da Covid-19

O BNG remitiu este luns ao resto dos grupos municipais a listaxe das súas propostas, actualizadas e ampliadas, para facer fronte á emerxencia sanitaria e socio-económica provocada pola irrupción da Covid-19 nas nosas vidas.

Esas serán as propostas que o portavoz do BNG Francisco Jorquera -que esta mañá participou nunha nova Xunta de Portavoces monográfica sobre a crise do coronavirus- defenderá na reunión que a Comisión de Facenda do Concello vai realizar xoves ou venres desta semana (a data aínda está por fixar).

Son medidas que abranxen distintos ámbitos, todos eles concernidos no combate contra a pandemia: desde a frente social até a fiscal e a económica, que son as que directamente atinxen a Comisión de Facenda do Concello.

"As propostas, que penso son ambiciosas, teñen unha dupla finalidade", explica Jorquera. "Por unha banda, asegurar a cohesión social e evitar que haxe xente que fique atrás, atendendo preferentemente os sectores máis vulnerábeis. E por outra, o Concello ten que ser un axente de dinamización económica e ten que investir naquelas partidas que aseguren a dinamización económica e a xeración de emprego e ten que ter políticas específicas para sectores que están a sufrir especialmente as consecuencias desta crise, como é o caso do comercio, a hostelaría e a cultura". 

"Hai que asegurar que ninguén fique atrás e atender preferentemente os sectores máis vulnerábeis"

Canto ás medidas sociais, e entre outras, o BNG pide reforzar a Renda Social Municipal e as Axudas de Emerxencia Social, ben como fortalecer os servizos públicos destinados aos colectivos máis vulnerábeis. O Bloque fai tamén un especial destaque para a loita contra a violencia machista e, nese sentido, advoga por que o Concello coordene con outras administracións a posta en marcha dun protocolo de atención e seguimento ás vítimas.

A respecto das medidas fiscais, a formación nacionalista ve urxente condonar, no mínimo durante 4 meses, o 100% dos alugueres nas vivendas municipais a aquelas persoas que se achen en situación de vulnerabilidade, ao tempo que pide que se estude a ampliación da prórroga, a redución ou a condonación de impostos, recibos e taxas, en función das situacións concretas de cada persoa ou empresa.

No que ten a ver co paquete de medidas economicas, Francisco Jorquera defenderá no seo da Comisión de Facenda que se axilice o pagamento a provedores para favorecer a liquidez e o mantemento do emprego, a axilización do investimento previsto nos orzamentos 2020, privilexiando aquelas partidas que podan ter maior impacto na reactivación da economía e na xeración de emprego, nomeadamente en áreas como a rexeneración urbana, as axudas á rehabilitación, a vivenda pública, a renovación dos mercados municipais ou a mellora dos equipamentos públicos.

"É preciso prestar especial atención a sectores que están a sufrir especialmente as consecuencias da crise, o comercio, a hostelaría, a cultura..."

Pedirá tamén o BNG que as partidas destinadas á Cultura se executen integramente e que se reprogramen as actividades previstas, do mesmo modo que é preciso que se axilice o plan de dinamización do comercio e se impulsen campañas para incentivar o consumo no comercio e na hostelaría locais.

A crise socio-económica que vai traer aparellada a Covid-19 demanda que o Concello poña en marcha xa o Consello Económico e Social cuxa criación o grupo municipal socialista comprometeu en conversas co BNG e precisamente a instancias da formación naccionalista. No seu seo é onde se ten que elaborar un agora máis necesario que nunca Plan de Desenvolvemento e Industrialización da Coruña e a súa área metropolitana.

 

O BNG actualiza e amplía o seu plan de choque para facer fronte á crise da Covid-19