O BNG contesta o secretario de Estado de Defensa: si que é perfectamente posíbel a cesión dos soares da Maestranza

Ao contrario do que sostivo en declaracións na Coruña o secretario de Estado de Defensa, Ángel Olivares, si que é perfectamente posíbel a cesión dos dous soares da Maestranza ao Concello da Coruña. É unha cuestión de pura vontade política. E hai precedentes: en 2006, o Goberno do Estado, naltura tamén en mans do PSOE, impulsou un proxecto de lei para transferir o castelo de Montjuïc a Barcelona.
O BNG contesta o secretario de Estado de Defensa: si que é perfectamente posíbel a cesión dos soares da Maestranza

"Queremos manifestar a nosa discrepancia diante dunhas declaracións que en realidade son un insulto á intelixencia das coruñesas e dos coruñeses", afirma a concelleira nacionalista Avia Veira. Ángel Olivares veu dicir que a cesión de balde das parcelas do Campo da Estrada ao Concello iría en contra da lei. "Pois se iso é así, por que o PSOE votou no seu día no Congreso a favor dunha propcosición en que se instaba o Ministerio a estudar o traspaso das parcelas?", perguntouse Avia Veira.

Pero é que hai máis: existen precedentes de cesión de bens de Defensa a municipios: en 2006 o Goberno do Estado, naquela altura presidido polo socialista Rodríguez Zapatero, aprobou un proxecto de lei para transferir ao concello de Barcelona o castelo de Montjuïc. "Iso demostra que en realidade estamos ante unha cuestión non técnica nin xurídica, senón política. É unha cuestión de ter vontade política ou de non a ter", recalca Veira.

"Se ben é certo que os bens de Defensa teñen unha lexislación específica desde a época de Aznar —en virtude da cal o INVIED deveu nunha inmobiliaria ao servizo de intereses especulativos—, non é menos verdade que ese marco legal se pode salvar cando hai vontade, tal e como demostra o caso do castelo de Montjuïc", salienta.

En todo caso, o BNG, anuncia a concelleira, acaba de rexistrar no Congreso unha iniciativa para modificar esa lexislación. "Veremos cal é a posición do PSOE a ese respecto",advirte Veira, quen lembra que no acordo asinado en Maria Pita pola formación nacionalista co PSOE figuraba a transferencia ao Concello de todos os bens de Defensa en desuso.