XUSTIZA

Apoio ás demandas da xustiza

Momento da chegada á praza de Galiza onde rematou a manifestación de traballadoras e traballadores da xustiza
Momento da chegada á praza de Galiza onde rematou a manifestación de traballadoras e traballadores da xustiza

Presentamos unha moción para o seu debate no Pleno do luns en apoio das traballadoras e dos traballadores da xustiza

Solicitamos de todos os grupos políticos amosar o apoio aos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza nas súas reivindicacións de dereitos laborais e de emprego e instar á Xunta de Galiza a retomar as negociacións no marco do Consello Galego de Relacións Laborais cos representantes dos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza

Apoiamos as reivindicacións do persoal da xustiza porque non se trata exclusivamente de melloras salariais, trátase de avanzar na mellora dun servizo público fundamental para unha sociedade máis xusta, trátase de garantir recursos, persoal, mesmo infraestruturas, algo que as políticas de recortes dos gobernos do Partido Popular están impedindo

Apoio ás demandas da xustiza

Vimos de presentar esta mañá unha moción (podes descargala aquí) de apoio aos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza, a cuxa manifestación acudiu unha representación da nosa organización.

Os traballadores e as traballadoras da Administración de Xustiza de Galiza iniciaron o pasado 9 de febreiro unha folga indefinida e suman xa tres semanas de paro reclamando condicións salariais e laborais que non os discriminen, contra os recortes e en defensa dunha Administración de Xustiza áxil e moderna.

Unha medida tan extrema que se debe á cerrazón da Xunta de Galiza para negociar e desde logo hai que enmarcala no deterioro continuo dos servizos públicos, no empeoramento das condicións laborais, e nos continuos recortes de dereitos ao que levaron as políticas regresivas, reaccionarias e centralizadoras do PP no goberno do Estado e na Xunta de Galiza”, salientan  desde o BNG da Coruña.

Esta folga vai máis aló da cuestión salarial que lexitimamente tamén está entre as reivindicacións do persoal de Xustiza xa que están a ser discriminadas na retribución do complemento transitorio con respecto ao resto do persoal do Estado, cunhas diferenzas salariais acumuladas no período 2013-2017 que poden variar entre os 4.000 e os 10.000 euros.

A manifestación ao seu paso poe Catro Camiños

As traballadoras e os traballadores tamén demandan a retirada do desconto que se lle aplica ao persoal da administración de xustiza en caso de IT, que non se aplica a xuíces e xuízas, fiscais ou letrados/as; a negociación do pagamento do 100% das substitucións, pois a diferenza do que pasa noutras autonomías, en Galiza o persoal que cubre un posto en substitución vertical non cobra a totalidade do posto que ocupa; solicitan asemade a negociación dun plan recuperación das 106 prazas amortizadas en 2013 e que afectaron especialmente aos xulgados do contencioso, de paz, de familia e ás audiencias provinciais o que supuxo un incremento substancial da carga de traballo e atrasos.

A folga indefinida repercute nun servizo fundamental mais malia iso e malia as demandas do comité de folga da interlocución do Consello Galego de Relacións Laborais, que foi o único lugar onde se deu un certo avance nas negociacións e que foi eliminado da mesa de negociación tras a entrada na mesma da Consellaría de Facenda, a Xunta de Galiza négase a aceptar a mediación, continuando nunha actitude total de cerrazón que a amosa incapaz de negociar co fin de chegar a un acordo.

Cremos que o Pleno da Coruña, como órgano de representación do concello máis poboado dun partido xudicial que abrangue case 400.000 persoas, debe amosar o seu apoio ao funcionariado de Xustiza cuxas reivindicacións o Goberno da Xunta de Galiza está tentando desprestixiar e que de aceptárense terían moi bos resultados para un mellor Servizo Público de Xustiza.

A Coruña, 1 de marzo de 2018

 

Noticias relacionadas: